Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acollerá un curso de iniciación ao surf do 19 ao 23 de xullo

BURELA (FNC) .- O Concello de Burela abre o prazo para anotarse nun curso de iniciación ao surf A túa primeira onda que organiza a Delegación de Mar.

A edil Remedios López explica que “todos aqueles nenos, e non tan nenos, que estean interesados en aprender e disfrutar do deporte do surf poderán ver culminadas as súas expectativas en Burela”. A concelleira socialista lembra que “o ano anterior probamos de facer un curso de dous días no mes de xullo e debido á avalancha de participantes e á boa aceptación a práctica deste deporte, este ano decidimos repetir e ampliar a actividade a cinco días”.

O curso será os días 19, 20, 21, 22 e 23 de xullo. Haberá varias categorías diferenciadas por idades a partir dos 8 anos. O curso será totalmente gratis igual que o ano anterior, e vai ser impartido por monitores federados da escola ¡HOLA!OLA de Ribadeo. Remedios López sinala que “esta empresa traerá todo o material necesario para a práctica deste deporte, traxes de neopreno, táboas …. Todos aqueles interesados en participar deberán apuntarse dirixíndose ás oficinas do Concello de Burela ou ao teléfono 982 58 60 00 onde se lles tramitará un seguro. Unha vez feita a inscrición dende a Delegación do Mar poñerémonos en contacto para informar dos grupos e dos horarios”.

A concelleira de Mar engade que “todos estes cursos son posibles gracias á colaboración da Deputación Provincial de Lugo, a través da súa Área de Deportes, da Federación Galega de SURF e da empresa ¡HOLA! OLA de Ribadeo que colaboran impulsando os deportes acuáticos”.

Por outra banda, Remedios López informa que a proba aprazada para realizar o Campionato de Motonáutica en Burela será o 31 de xullo “se non temos inclemencias metereolóxicas que o impidan”.

Exit mobile version