Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello e Deputación traballan en Ribadeo na reparación dos danos das riadas

RIBADEO (FNC) .- Concello de Ribadeo e Deputación Provincial de Lugo traballan conxuntamente desde onte na reparación dos danos causados polas inundacións e as riadas de hai dúas semanas. O alcalde agarda que o goberno do Estado concrete en breve as axudas que lles concederá aos concellos da Mariña afectados por este temporal.

Fernando Suárez manifestou que “nestes días nos que está a locir o sol plenamente seguimos traballando con toda a intensidade que podemos para tentar restaurar a normalidade que se perdeu por mor das chuvias de hai un par de semanas. De aí que a pala municipal continúe a traballar polas mañás e polas tardes, mobilizamos todos os medios para que cos dúas quendas se restauren o antes posible accesos ás vivendas, camiños, cunetas, etc e tamén agora coa maquinaria da Deputación que chegou onte e que teremos aquí durante 10 días decidimos, para que renda máis o traballo, achegar toda a nosa brigada de obras. Todos traballan conxuntamente para ser máis operativos e poder ir avanzando máis nestas medidas urxentes que se acometerán polas nosas parroquias para rebachear, para asfaltar…”.

O rexedor sinalou que “tamén estamos en coordinación coa Xunta de Galicia para ir repoñendo danos en pontes e para abordar cuestións relativas as canles s dos ríos e estamos á espera de que o Ministerio de Medio Ambiente concrete cal vai ser a axuda que o goberno do Estado lles dará aos Concellos afectados por este temporal de auga. Temos un tempo precioso para seguir traballando, pero que ninguén espere que en tres ou catro días volte a normalidade, despois dos importantes danos causados polas inundacións en Ribadeo”.

Suárez Barcia segue a visitar as parroquias máis afectadas como Arante ou Covelas “e aínda estamos a ver danos que nin os propios técnicos da Xunta e do Concello tiñan avaliados e que dan fe de que nunca como agora se produciron tantos danos. Toda axuda non só da Deputación senón tamén da Xunta e do Estado será necesaria para que concellos como o de Ribadeo e o resto da Mariña poidamos voltar á normalidade canto antes”.

Exit mobile version