Site icon Crónica3.com A Mariña

Docentes do IES Perdouro trataron con empresarios sobre a formación nos centros de traballo

BURELA.- Docentes do IES Perdouro reuníronse con empresarios da Mariña que acollen ou poden acoller os seus alumnos de Formación Profesional, para expoñer as directrices da nova FP, de cara á validación dos títulos a nivel europeo. No acto tamén estivo presente o alcalde de Burela.

NOTA DE PRENSA:
REUNIÓN CON EMPRESARIOS DE FCT

A formación profesional actual ofrece unha base sólida xeral e unha especialización acorde co mercado laboral e co coñecemento práctico das novas tecnoloxías. As súas ensinanzas son menos académicas e máis vinculadas ao mundo laboral.

Unha das claves destes estudos é a conexión entre o mundo educativo e o mundo produtivo, aspecto que se trata de garantir combinando a formación no centro educativo coa formación no centro de traballo.

Así, o alumnado de Formación Profesional realiza actividades formativas nas empresas (Formación en centros de traballo, FCT), o que lle proporciona o complemento da práctica real á formación recibida. Para iso, contamos na Mariña coa colaboración de máis de 100 empresas, nas que a maior parte do alumnado atopa o seu primeiro emprego. Contamos tamén con empresas de Coruña e máis de Asturias.

Coa formación en centros de traballo a formación profesional crece e avanza para adaptarse a unha sociedade que valora cada vez máis as persoas profesionalmente cualificadas.

Cos cambios que se están a introducir na Formación Profesional acadamos:

o Maior empregabilidade, ampliando a duración de todo os ciclos formativos a 2000 horas para lograr unha maior polivalencia laboral ao tempo que se facilita a especialización en aspectos específicos. O vindeiro curso o ciclo medio de Xestión Administrativa que se imparte no centro pasará a ter unha duración de dous cursos (2000 horas). O Ciclo medio de Equipos Electrónicos evolucionará ao Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicacións.
o Maior mobilidade profesional, equiparando a titulación coas do resto dos países da comunidade europea.
o Acceso a calquera estudio universitario desde calquera ciclo formativo de formación profesional de grao superior.
o Validación dos estudos de formación profesional de grao superior por créditos universitarios. Segundo o caso validaranse de 60 a 120 créditos ECTS (Sistema Europeo de transferencia de créditos) dos novos títulos universitarios, equivalentes a un ou dous cursos académicos universitarios, o que lle ha favorecer a continuación nos estudos universitarios ao alumnado dos ciclos formativos, pois poderán validar ata o 50% dun título universitario de grao.
o Mellora da inserción laboral laboral dotando aos ciclos formativos do carné profesional correspondente, cando se requira para exercer a profesión e do certificado de prevención de riscos laborais.

Exit mobile version