Site icon Crónica3.com A Mariña

O acto de apertura de Eido Dourado combinará música, poesía e a arte en Barreiros

BARREIROS (FNC) .- Eido Dourado abre as súas portas neste 2010 o vindeiro 19 de xuño ás sete da tarde cun acto nos xardíns que combinará a música, a poesía e a arte. Nel participarán, entre outros, o actor Miguel de Lira, o escritor Isidro Novo e os músicos Mini e Mero.

O artista barreirense Celso Dourado sinala que “como sempre pretendo aglutinar todas as artes. Haberá unha presentación a cargo do coñecido actor Miguel de Lira, a quen todos lembran por Currás na serie Mareas Vivas. No apartado de poesía intervirá Isidro Novo e a música van poñela Mini e Mero, uns históricos da música galega e bós e grandes amigos, cofundadores de Fuxan Os Ventos. Tamén actuará o grupo de música folk feminino de Santiago de Compostela Habelas Hailas e pecharán o acto Nuria de León, cantante que interpretará varias pezas acompañada de arpa celta e o grande amigo Vadim Yukhnevich, un músico bielorruso moi coñecido”.

Celso Dourado asegura que “a partires do vindeiro 19 de xuño poderemos ver un Eido Dourado renovado tanto nas súas estructuras como na propia exposición. Hai unha aportación técnica importante que está baseada nos tratamentos de barnices co debuxo como fío conductor. Hai tamén unha serie alusiva aos malos tratos, moi de actualidade tristemente, con distintas técnicas e hai outra serie titulada Anatomías na que represento o corpo humano dunha forma un tanto surrealista”.

O Eido Dourado estará aberto de 11 a 14 horas polas mañás e de 16:30 a 20:30 polas tardes desde o 19 de xuño e ata finais de setembro. Os luns permañecerá pechado “para reorganizar a súa estructura e o coidado dos xardíns”.

Exit mobile version