Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Xove é un privilexiado en tempos de crise, explica o BNG

Nota de Prensa
O alcalde de Xove: un privilexiado en tempos de crise

Desde o BNG de Xove advertiron onte que, tras a última modificación de crédito de máis de 400.000 euros realizada polo goberno municipal, non estaban tan descamiñados cando cualificaron o Orzamento 2010 de “decepcionante” aló polo mes de febreiro. Unha vez máis, o tempo deulles a razón. Se algo bo tivo a crítica constructiva do Bloque é que agora sábese que cartos si que había, o que non había era “nin ideas nin disposición”.

Do mesmo xeito, desde o BNG advertiron que non é certo que o alcalde invitara ao responsábel local do BNG para informalo dos problemas de Xove. Marco López, que representa á formación política máis activa e dinámica das que conforman a corporación xovense, aínda non foi convocado a unha reunión seria e formal pola persoa que, no seu día, expresou a frase tópica de que a súa intención era gobernar para todos. López, que leva máis dun ano á fronte do BNG xovense, non recibiu invitación ningunha en todo este tempo, algo inaudito en calquera relación política democrática, e máis tendo en conta que en Xove o PP goberna en minoría. O máximo cargo orgánico do BNG local manifestou que a súa postura é de total colaboración para sacar adiante o Concello e que, de ter responsabilidades de xestión pública, a súa actitude sería xusto a contraria: “a de conversar con todas as forzas sociais, sexan da cor que sexan, para poder dinamizar a nosa sociedade nestes tempos de fonda crise económica”.

Asemade, o Partido Popular de Xove acusou o BNG de ir aos plenos “de vacacións”, pero esta gran mentira non pode agochar o bo traballo que o Bloque está a desenvolver sen que ninguén desta formación cobre 2.800 € ao mes por esa labor (en referencia aos emolumentos que percibe o primeiro edil), nin haxa dedicacións exclusivas abusivas a cargo do erario público no seo da formación nacionalista. Sobre este punto, desde o Bloque quixeron salientar que o goberno do PP no Concello de Xove (nun municipio de apenas 3.600 habitantes) ten dúas dedicacións exclusivas e unha parcial. É dicir, o 60% dos concelleiros do Partido Popular cobra un salario público con cargo ás arcas locais. Os nacionalistas pregúntanse onde está aquí a tan pregoada austeridade da que fachendean os populares e advirten que a falsa propaganda non é máis ca outra maneira de mentir.

Tamén se lembrou desde as fileiras nacionalistas que as persoas que conforman o actual goberno local son as mesmas que hai tres anos denunciaban que o anterior alcalde, Xesús López (AVEXO), cobraba moito e non facía nada. Pois ben, o pasado mes de maio, Demetrio Salgueiro (PP) sumoulle ao seu exuberante soldo de 2.800 euros mensuais outros 717,89 euros máis. Un novo exemplo da austeridade cacarexada polo goberno de Feijóo.

En tempos dunha crise que na Mariña non está facendo máis que empezar, cando todos os traballadores e traballadoras teñen que apertar o cinto, o alcalde de Xove non renuncia nin a medio céntimo dun salario que sae dos petos de todos os contribuíntes, tal e como se documenta de seguido e se pode consultar no enderezo web http://www.xove.es/js/index.php?option=com_phocadownload&view=category&id=2:xunta-de-goberno-local&Itemid=204

ACTA DA SESIÓN EXTRAORDINARIA CELEBRADA POLA XUNTA DE

GOBERNO LOCAL O DÍA 25 DE MAIO DE 2010.

Asistentes:

Alcalde-Presidente:

D. José Demetrio Salgueiro Rapa

Vocais:

D. José Manuel González Álvarez

Dª Ana María Abad López

Dª Mª  Dolores Meitín Guerreiro

Secretario:

D. Luís Mª  Fernández del Olmo

Interventora:

Dª Elena Santos Rey

Na Casa Consistorial do Concello de Xove, sendo as dez horas do día vinte cinco de maio de dous mil dez, baixo a presidencia do Sr. Alcalde, D. José Demetrio Salgueiro Rapa, coa asistencia dos Sres. concelleiros á marxe relacionados, do Secretario, D. Luís María Fernández del Olmo e da Interventora Dª Elena Santos Rey, procedeuse a celebrar a sesión extraordinaria correspondente a este día, previa convocatoria ó efecto e en primeira convocatoria.

Sendo a hora sinalada, polo Sr. Alcalde declarouse aberta a sesión.

C.)CONTAS E FACTURAS

C.1) AXUDAS DE CUSTO DA ALCALDÍA CORRESPONDENTES ÓS MESES DE ABRIL-MAIO 2010.

Por tres votos a favor e coa abstención do interesado, procédese á aprobación das axudas de custo da Alcaldía, correspondentes ós meses de abril e maio de 2010, por importe de 717,89€.

Exit mobile version