Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz esíxelle ao alcalde explicacións a raíz dunhas declaracións no caso de Castro de Rei

Nota de Prensa

O BNG DE FOZ ESÍXELLE AO ALCALDE EXPLICACIÓNS A RAIZ DUNHAS DECLARACIÓNS NO CASO DE CASTRO DE REI

“O sistema de contratación do Concello non é do máis transparente” afirma Basanta

Foz, 19 de xuño de 2010.- Para o BNG resulta realmente moi preocupante que o Concello de Foz fose nomeado no xuízo que se leva a cabo polos presuntos casos de corrupción no Concello de Castro de Rei, cando o enxeñeiro xefe de vías e obras da Deputación testemuñou diante do xuíz de que varios alcaldes da provincia lle encargaban proxectos de obra a prezo de mercado, que logo adxudicaban por un valor superior que podía oscilar entre o 22% e o 50% do valor dos contratos. Segundo as informacións publicadas nalgúns medios, este funcionario da Deputación declarou que por informacións que tiña de certas empresas o alcalde de Foz tamén realizaba estas prácticas.

Desde o BNG non queremos pensar que no Concello de Foz se realizasen este tipo de prácticas pero dado a gravidade da información, esiximos do alcalde, o Sr. García Rivera, que responda a estas sospeitas e faga as aclaracións pertinentes para eliminar calquera mínima dúbida na contratación das obras no Concello de Foz. Diante da investigación xudicial en marcha, e dado o feito de que unha das testemuñas claves do proceso o cita entre os alcaldes que teñen como práctica habitual fixar sobreprezos para as obras os nacionalistas solicitan tamén que Rivera aclare se foi chamado xa a declarar polo xulgado ou xulgados que instrúen o caso.

O portavoz municipal do BNG, González Basanta, dixo que “non vai o ser o BNG quen xulgue a realidade dos feitos e será a xustiza quen determine se estas testemuñas teñen algunha veracidade ou non, pero os nacionalistas de Foz xa temos avisado de que o sistema de contratación no concello non é o máis desexable de cara á transparencia na adxudicación de obras, posto que a maioría das obras (entre elas por exemplo as do Plan E) son adxudicadas polo sistema negociado sen publicidade no que o alcalde chama a tres empresas para logo adxudicarlle a obra á mellor oferta”. Este sistema, que tamén foi o utilizado nos procedementos que agora se están a investigar no caso “Operación Rei”, non é precisamente o máis transparente e obxectivo posto que non se lle da opción a todas as empresas a participar e a presentar as súas ofertas, co que abre a vía a posibles tratos de favor. “Non queremos nin por un momento pensar que esto mesmo puidera estar ocorrendo en Foz ”, afirmou Basanta

A parte disto, todo o mundo sabe que neste tipo de adxudicacións é moi fácil negociar por fóra outro tipo de “contrapartidas” á hora de contratar persoal por parte da empresa adxudicataria. Eso é precisamente o que da a entender algunha das conversas telefónicas do alcalde de Castro de Rei despois de levantar o secreto de sumario e que tamén foron publicadas: “a min vaime dicir: collinche a chavala para alí, pero tamén douche unha obra na que vas a gañar diñeiro”. Por iso, o BNG sempre defendeu un sistema de contratación que defenda un trato igualitario para todas as empresas non negándolle a ningunha o poder presentarse a un concurso público con publicidade.

Exit mobile version