Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo denuncia a política de recortes no sector público feito polo PP dende a Xunta

NOTA DE PRENSA:
O BNG de Ribadeo quere denunciar a continua e sistemática política de recortes no sector público feita polo PP desde o Goberno da Xunta. Xa o puidemos comprobar coa actitude amosada cara ao Hospital da Costa, e agora podemos facelo fixándonos no comezo do desmantelamento da ensinanza para adultos nos institutos da Mariña e tamén de varios ciclos formativos.

De pouco serve a escusa de lle chamar semipresencial. Desde hai un tempo, maioritariamente matricúlanse neste tipo de ensinanzas para adultos mozos e mozas que non deron rematado a súa formación no ensino ordinario Trátase de persoas que precisan dunha asistencia continuada; aplicar a dinámica dun ensino a distancia é contaproducente e podería levar a que a xente abandone estes estudos ou os pase a realizar noutros centros. E por suposto, as persoas adultas, se escollen esta formación, e non a que se imparte a distancia, é porque poden e queren asistir á mesma. E teñen dereito a recibila.

Tamén é preocupante a tendencia a reducir os ciclos sen aportar outras vías alternativas. O que pretenden é reducir gastos, non actualizar ciclos. Resulta especialmente rechamante que se gasten milleiros de euros en explicar un decreto inxusto e innecesario contra a nosa lingua, que se gasten milleiros de euros en repoñer ipso facto libros de matemáticas en castelán, sen aproveitar os que había en galego (que aínda servirían para dous anos máis), que se subvencione cada vez máis ao ensino privado, e que ao mesmo tempo se vaia deteriorando o ensino público. É unha vergoña! Propio de quen defende o privado e despreza o público. Así nos trata o goberno do señor Feijoo.

Desde Ribadeo, desde a Mariña lucense, desde todo o país, temos que dar resposta a esta actitude restritiva do ensino público. Tamén aquí vai o señor Balseiro intentar convencernos de que é mellor un ensino semipresencial para adultos que un ensino presencial? Acaso reducir ciclos formativos na comarca é mellor que manter os que hai ou, no seu caso, programar novos ciclos adaptados á realidade socioeconómica da zona?

Exit mobile version