Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG esixe do Goberno Municipal que garanta a celebración das festas no Concello

NOTA DE PRENSA:
O BNG esixe do Goberno Municipal que garanta a celebración das festas no Concello

Basanta solicitará a Rivera a documentación sobre o litixio da SGAE

Foz, 11 de xuño de 2010.- Xoán Carlos González Basanta anunciou hoxe que o seu grupo político solicitará ao Alcalde a documentación xudicial que obra en poder deste en relación que o litixio de Foz mantén coa SGAE e de xeito moi particular a sentencia que ven de dictar a Audiencia Provincial de Lugo.

Segundo o Portavoz nacionalista “as informacións que esta semana recollían diferentes medios de comunicación sobre a condena que ven de recaer sobre o Concello, así como a contía da multa, teñen que ser coñecidas e estudiadas, e desde logo o que non poden é quedar suxeitas ao criterio xurídico do Sr.Alcalde. A situación é o suficientemente grave para que o sr. Rivera nos achegue a documentación acompañada dun informe dos servicios xurídicos e de intervención do Concello sobre o asunto”. Na mesma liña Basanta solicita aclaracións de por que é precisamente neste momento cando Rivera fai pública toda esta información cando a causa xa levaba aberta cando menos desde outubro do ano pasado. “Non é de recibo que o Alcalde faga aseveracións sobre a veracidade ou non de determinados testemuños, pois iso corresponderalle determinalo ao Xuíz e moito menos unha cuestión como esta se pode utilizar para resolver determinadas loitas internas no seo do PSOE local”.

Xoán Carlos Basanta que cualificou “a situación é preocupante na medida que estamos a falar dunha cantidade de diñeiro que non é menor, pero sobre todo porque afecta a un importante número de colectivos e persoas do Concello que de xeito desinteresado estiveron a realizar unha labor da que disfrutamos todos os veciños”. Neste sentido o Portavoz Municipal dos Nacionalistas solicitou que Grupo de Goberno e os servicios xurídicos do Concello determinen o alcance do recollido na sentencia da sala do mercantil da Audiencia Provincial que establece medidas provisionais impedindo realizar eventos musicais no Concello ate que salde a débeda coa SGAE. “Hai que ter en conta que no caso de que iso sexa así poderían perigar mesmo a celebración dos festexos no conxunto do Concello, polo que é hora de buscar solucións e non botar balóns fora” sentenciou Basanta.

Os nacionalistas de Foz solicítanlle ao Alcalde responsabilidade e seriedade no tratamento deste tema e que non caia na tentación de utilizar a cuestión para batallas que non son de Foz senón do PSOE e moito menos que non o utilice como coartada para desatenderse da celebración ou da colaboración municipal na celebración dos festexos. “Que Foz conte con festexos é o primeiro e niso e no que toca traballar. En todo caso con este culebrón da a sensación de que se está a recoller o lodo dunha xestión dos festexos que o BNG xa denunciou no seu momento. Abonda con observar os adiantos en conta no máximo do permitido nas Bases de Execución Orzamentaria que se teñen realizado en varias anualidades, con xustificacións reparadas polos servizos municipais”.

Exit mobile version