Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Barreiros inclúe natación, patinaxe e un campamento urbano nas actividades de verán

BARREIROS (FNC) .- O Concello de Barreiros preparou unha chea de actividades durante o verán para os nenos. Natación, patinaxe, kitesurf e un campamento urbán son algunhas das alternativas previstas para os vindeiros meses.

Haberá dous cursos de natación, un deles no mes de xullo e outro no mes de agosto. A duración dos mesmos será de 10 sesións cada un. O número de prazas está limitado a 15 e para poder participar @s nen@s deberán ter como mínimo 6 anos. Os cursos terán lugar na praia da Anguieira e os días e horarios serán confirmados polo monitor e dependerán das mareas e das condicións meteorolóxicas.

O curso de patinaxe terá lugar durante os meses de xullo a agosto no pavillón de San Miguel os mércores e venres de 11a 13 horas. Está dirixido para nen@s e moz@s con idades a partir dos 6 anos. O número de prazas é de 25. A presentación terá lugar o mércores 7 de xullo ás 11 da mañá no pavillón de San Miguel e será necesario levar patíns ben sexan de catro rodas ou en línea.

Barreiros acollerá  un novo campamento urbán do 9 ao 13 de agosto no que se levarán adiante diversas actividades lúdicas con horario ininterrumpido dende as 10:30 da mañá ata as 19:30 da tarde (xogos con paracaídas, obradoiros, xymkanas, xogos na praia, excursión parque acuático Cerceda…). Esta actividade está dirixida a nen@s con idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos e o número de prazas está limitado a 40 participantes.

As prazas das actividades cubriranse por riguroso orde de inscrición. Os interesados poden dirixirse á Oficina de Información Xuvenil (biblioteca municipal). Para calquera información poden chamar tamén ao número de teléfono 663 811 412.

Ademáis en colaboración coa empresa Augassantas Kite Club ofrecerase unha actividade acuática de carácter gratuito, trátase dun curso bautismo de kitesurf que se desenrolará ao longo de 3 horas (1 teórica + 2 prácticas) e está dirixido a rapaces maiores de 10 anos. O curso inclúe seguro, diploma acreditativo e un vídeo explicativo. Para máis información desta actividade acuática poden chamar ao teléfono: 676 76 13 81.

Exit mobile version