Site icon Crónica3.com A Mariña

O consello da Xunta acordou adicar máis de 1,8 millóns de euros á reparación de danos do temporal

SANTIAGO .- A Xunta de Galicia adicará máis de 1,5 millóns de euros á reparación dos danos ocasionados nos leitos fluviais polo temporal na Mariña e destinará 360 mil euros a axudas para a reparación dos danos causados en vivendas, anexos e enxoval polas inundacións na mariña e norte da provincia da coruña

REFERENCIA

A XUNTA DE GALICIA DESTINA MÁIS DE 1,5 MILLÓNS DE EUROS ÁS OBRAS DE REPARACIÓN DOS DANOS OCASIONADOS NOS LEITOS FLUVIAIS POLO TEMPORAL NA MARIÑA LUGUESA

?? Medio Ambiente deu conta ao Consello da Xunta da declaración de emerxencia das actuacións que vai realizar en Cervo, Xove, Barreiros, Foz, Ribadeo, Burela, Viveiro, Lourenzá e Ortigueira

?? O operativo traballará na apertura de leitos para evitar novas inundacións de forma inmediata en caso de novas choivas e na súa ampliación en puntos localizados ?? Trasladaranse os sedimentos, pedras e lodos acumulados nos leitos a vertedoiros

?? O proxecto abrangue traballos de limpeza, reconstrución de estruturas, reposición de redes de abastecemento ou pavimentados

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas deu conta hoxe ao Consello da Xunta da declaración de emerxencia das actuacións que hai que realizar para solucionar os danos  ocasionados polos desbordamentos a causa do temporal de choivas dos días 9 e 10 de xuño na Mariña luguesa.

O Goberno galego, a través da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH), financia o citado proxecto cunha achega económica de máis de 1,5 millóns de euros. Cómpre sinalar que os traballos se iniciaron esta semana.

As actuacións recollidas na declaración tramítanse con carácter de emerxencia e céntranse na execución de obras de acondicionamento do leito dos ríos e regatos dos concellos de Cervo, Xove, Barreiros, Foz, Ribadeo, Burela, Viveiro, Lourenzá e Ortigueira.

Por unha parte, Augas de Galicia destinará un orzamento de 390.000 euros ás obras de reparación dos danos provocados polos desbordamentos dos ríos Gulián e Rigueira, en Xove; Valcarría, Feira ou Landro, en Viveiro; e Dola e Baleo, en Ortigueira.

Por outra parte, nos municipios de Foz, Burela e Cervo, a Xunta de Galicia operará nas proximidades dos díos Centiño e Masma (Foz), Pomeda, Vila e Perdouro (Burela) e Xunco, Covo, Senra ou Sargadelos (Cervo) por un importe de máis de 282.000 euros.

Nos concellos restantes, Ribadeo, Barreiros e Lourenzá, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas achega un total de 780.000 euros para arranxar as inmediacións das áreas próximas aos ríos Grande e Pequeno (Ribadeo), Barranca e San Estevo (Barreiros) e Baos (Lourenzá).

Acondicionamento

As actuacións levaranse a cabo nos concellos relacionados no apartado anterior, centrándose no acondicionamento do leito de ríos e regatos, roza ou movementos de terras para volver ao leito ao seu trazado orixinal. Están previstos o levantamento de pavimento para acceso a canalizacións e demais operacións construtivas que sexan necesarias.

En particular, este operativo traballará na apertura de leitos para evitar novas inundacións de forma inmediata en caso de novas choivas e na súa ampliación en puntos localizados. Ademais, trasladaranse os sedimentos, pedras e lodos acumulados nos leitos a vertedoiros.

O proxecto abrangue traballos de limpeza, dragaxe, reconstrución de estruturas de fábrica e demais tarefas necesarias para o arranxo das deterioracións que ocasionou o temporal nos camiños, edificacións, pontes e conducións de abastecemento dos nomeados municipios luguesas. Tamén se prevé o servizo de asistencia técnica á dirección de obra e en materia de seguridade e saúde na execución das actuacións.

Obxectivos

O departamento que dirixe Agustín Hernández, mediante a declaración de emerxencia deste proxecto, pretende salvagardar os intereses públicos protexidos, tanto en seguridade e saúde como económicos ou ambientais. A contratación da execución dos ditos traballos no só ofrece unha pronta solución a esta problemática, senón que impide que a situación se agrave nun futuro inmediato debido ao estado xa danado dos terreos e infraestruturas afectadas.

A XUNTA DESTINARÁ 360.000 EUROS A AXUDAS PARA A REPARACIÓN DOS DANOS CAUSADOS EN VIVENDAS, ANEXOS E ENXOVAL POLAS INUNDACIÓNS NA MARIÑA E NORTE DA PROVINCIA DA CORUÑA

?? As axudas chegarán ao 100 por cento dos danos en vivendas que constitúan a residencia habitual e permanente

?? No resto de vivendas, cubrirase ata o 40 por cento dos danos causados polas inundacións

?? As axudas afectarán os elementos comúns en caso de comunidades de veciños e nas construcións e equipamentos anexos de apoio á economía e vida familiar

?? O enxoval doméstico básico tamén queda incluído na Resolución de axudas

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe unha achega de 360.000 euros por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, destinada a axudas para a reparación dos danos causados en vivendas e anexos polas inundacións rexistradas na Mariña de Lugo e norte da provincia da Coruña, segundo establece a Resolución que proximamente se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) e sobre a que hoxe foi informado o Consello da Xunta de Galicia.

A Resolución desenvolve o establecido, en materia de vivenda, no Decreto 96/2010, do 17 de xuño, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas na Mariña, aprobado polo Consello da Xunta o 17 de xuño de 2010.

Características das subvencións As subvencións que inclúe a Resolución comprenden danos causados nas vivendas que son residencia habitual e permanente, noutras vivendas, en construción anexas e instalacións e no enxoval.

Son as seguintes:

1.- Vivendas residencia habitual e permanente.

Subvencionaranse a reparación de danos que non cubran as axudas doutras administracións ou calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiaras as persoas afectadas.

O importe máximo da axuda pode alcanzar o 100 por cento do valor de reparación ou reposición do inmoble danado. Ese importe nunca poderá ser superior ao 75 por cento do prezo máximo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade.

2.- Resto de vivendas

Igual que no caso anterior subvencionaranse a reparación de danos que non cubran as axudas doutras administracións ou calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiaras as persoas afectadas.

O importe das axudas poderá ser de ata o 40 por cento do valor de reparación ou reposición. O importe da axuda non poderá ser superior ao 40 por cento do 75 por cento do prezo máximo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade.

As vivendas incluídas nesta axuda deberán destinarse como mínimo a residencia ocasional, quedando excluídas edificacións ruinosa ou en estado manifesto de abandono.

3.- Construcións anexas e instalacións

Os elementos comúns, nos casos de comunidades de propietarios e as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar tamén poderán optar ás axudas, entendendo como tales pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, etc. sempre que estean localizados no mesmo predio da vivenda. Tamén se entenderá como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do predio no que se atopa a vivenda.

Subvencionarase o 100 por cento do valor de reparación ou reposición no caso de estar asociadas á vivenda habitual e o 40 por cento no caso de vivendas ocasionais. O importe máximo da axuda non superará os 3.000 euros.

4.- Enxoval

Tamén será obxecto destas axudas o enxoval doméstico de primeira necesidade cando non estivese incluído nas axudas doutras administracións ou calquera outro sistema de cobertura de danos.

O importe da axuda será do 100 por cento no caso de vivendas habituais e 40 por  cento en vivendas ocasionais. O límite máximo será de 6.000 euros.

O enxoval incluído nas axudas é o seguinte:

– Cociña: frigorífico, cociña, forno, lavadora, mesa e cadeiras

– Dormitorio: camas, somieres, colchóns, armario

– Salón: sillóns, cadeiras, mesa de comedor.

Estas axudas poderán solicitarse nos seguintes concellos:

– Provincia de Lugo: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo,

Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, Viveiro, O Vicedo e Xove.

– Provincia da Coruña: Cariño e Ortigueira

Exit mobile version