Site icon Crónica3.com A Mariña

O Consello da Xunta aprobará medidas urxentes para paliar danos das inundacións da semana pasada

BURELA .-  O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, de visita en Burela e Cervo, anunciou que o Consello da Xunta que se celebrará xoves aprobará o decreto de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas na Mariña lucense

Nota de Prensa

A Xunta, de forma inmediata, procederá á reparación das infraestruturas afectadas, tanto viarias como de abastecemento e saneamento de augas, o que suporá un custe estimado de 5 millóns de euros

Feijóo anuncia que o Consello da Xunta aprobará mañá o decreto de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas na Mariña lucense

* “Mañá o Consello da Xunta aproba este decreto como unha normativa obrigada para, a partires de aí, publicar as ordes de axudas en todos os eidos, xa se trate de infraestruturas, de danos nas colleitas e no gando, de danos nas vivendas ou establecementos comerciais, industriais ou turísticos”, avanza
* Feijóo adianta que se tentará establecer un mecanismo de coordinación e un fondo entre a Administración do Estado, a Administración Local e a Xunta para paliar canto antes os danos causados polas chuvias
* “Espero que todas as Administracións estean á altura das circunstancias e deamos unha resposta de forma inmediata para a reparación das infraestruturas municipais e para tamén abrir esa liña de axudas a vivendas e a establecementos comerciais”, sinala
* O decreto cubrirá ata o 100% dos danos sufridos no caso da vivenda habitual e ata un 40% se se trata de segunda vivenda
* Prevé axudas para os agricultores e gandeiros que tiveran perdas superiores ao 30% da súa colleita e tamén para establecementos comerciais, industriais e turísticos

Burela (Lugo), 16 de xuño de 2010.- O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta que se celebrará mañá aprobará o decreto de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas na Mariña lucense. Durante a súa visita ás zonas afectadas, concretamente aos concellos de Cervo e Burela, o mandatario autonómico comunicoulle aos quince alcaldes da zona esta decisión que adoptará o Consello da Xunta e que suporá habilitar e activar “as axudas e a reparación dos danos materiais e persoais que se produciran como consecuencia das choivas”.

“Mañá o Consello da Xunta aproba este decreto como unha normativa obrigada para, a partires de aí, publicar as ordes de axudas en todos os eidos, xa se trate de infraestruturas, de danos nas colleitas e no gando, de danos nas vivendas ou establecementos comerciais, industriais ou turísticos”, insistiu Feijóo, afirmando que, deste xeito, “mañá a normativa quedará aprobada e encauzadas as axudas necesarias para paliar os efectos e os danos producidos por esas choivas”.

Axudas concretas
Segundo explicou o mandatario galego, o decreto prevé que se poderán acoller a estas axudas, de forma subsidiaria, aquelas persoas que tiveran danos na súa vivenda habitual ou na súa segunda vivenda: no caso da vivenda habitual, as axudas poderán chegar ata o 100% dos danos producidos; e no caso de vivenda non habitual ata o 40%.

No que se refire ás colleitas, o decreto tamén recollerá unha liña de axudas nesta materia, de tal xeito, dixo Feijóo, “que todos aqueles que tiveran perdas superiores ao 30% do valor da colleita poderán acollerse a ela”, sempre, matizou, respectando a lexislación da Unión Europea.

No referido aos establecementos comerciais, industriais e turísticos, tamén se abrirá unha liña de axudas para financiar as perdas que puideran producirse como consecuencia dos danos no mobiliario, vehículos industriais, maquinaria, etc.

Mecanismo de coordinación coa Administración do Estado e a Local
“Imos tentar establecer un mecanismo de coordinación e un fondo entre a Administración do Estado, a Administración Local e a Xunta de Galicia”, aseverou o mandatario autonómico, indicando que “mañá mesmo nos imos dirixir á Administración central e local, á Deputación de Lugo, que xunto co Goberno galego establecemos as medidas para facer fronte aos danos producidos nas infraestruturas locais e tamén para facer fronte aos danos producidos ao patrimonio persoal, xa se trate de vivendas, de establecementos comerciais, industriais ou turísticos”.

O presidente galego incidiu, ademais, en que a Axencia Galega de Emerxencias, a través dos datos que recibe dos concellos, está cuantificando todos os danos ocasionados, que mañá se aprobará o decreto “para que empece a producir efecto e a partir de aí –dixo- ímonos sentar coa Administración estatal e a local, a Deputación de Lugo, para establecer os mecanismos de cofinanciación deste tipo de axudas”.

“Espero que todas as Administracións estean á altura das circunstancias e deamos unha resposta de forma inmediata para a reparación das infraestruturas municipais e para tamén abrir esa liña de axudas a vivendas e a establecementos comerciais”, subliñou ao respecto.

5 millóns de euros para infraestruturas
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o xefe do Executivo autonómico sinalou que tamén lle comunicou aos alcaldes que o Goberno galego vai activar, “de forma inmediata” a declaración “de urxencia ou emerxencia de todas as obras necesarias nas estradas autonómicas, nas canles fluviais e na reparación e reposición de todo aquilo que se refire a abastecemento e saneamento, é dicir, da administración hidráulica”.

Polo tanto, enfatizou, “todas as infraestruturas que dependen do Goberno galego serán restauradas de forma inmediata”. Isto, segundo adiantou, significará, aproximadamente, uns custes próximos aos 5 millóns de euros que a Xunta porá a disposición de todos os concellos e de todas as persoas afectadas por estes cortes de infraestruturas e para a reposición de viais, canles fluviais, muros, etc., xunto co abastecemento e o saneamento de auga.

Por último, Núñez Feijóo, quixo agradecerlle “a todos os homes e mulleres que estiveron traballando durante practicamente 48 horas, moitas veces sen durmir e con moi pouco descanso”, todo o seu esforzo nestes días. “Son 200 persoas as que constitúen o dispositivo que mobilizou a Axencia Galega de Emerxencias e que evitou moitos danos, e moitas perdas que se puideron producir se non se houbera actuado coa máxima axilidade e con absoluta coordinación”.

“A pesar dos problemas que tivemos o certo é que houbo axilidade e houbo coordinación desde o primeiro momento que tivemos coñecemento, a través da Axencia Estatal de Meteoroloxía, que ía haber precipitacións copiosas nestas zonas da provincia de Lugo e Coruña”, sinalou Feijóo remarcando que se activou a alerta, se puxo en funcionamento o teléfono do 112 e o director xeral de Emerxencias activou “un dispositivo de 200 persoas que traballaron en coordinación con todos os concellos e que souberon estar á altura das circunstancias”

Exit mobile version