Site icon Crónica3.com A Mariña

O convenio entre Consellería, Deputación e Concello de Barreiros non legaliza actuacións urbanísticas

SANTIAGO .- O convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Barreiros ten como fin primordial dotar ao municipio de infraestruturas ás que os cidadáns teñen dereito, garantindo o crecemento sostible e ordeado do ente local segundo afirmo a pasada semana Encarnación Rivas, secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismos. Rivas apuntou que non se vai legalizar ningunha situación urbanística, senón proporcionar aos veciños uns servizos básicos.

REFERENCIA

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas achega un importe de 5,6 millóns de euros para a execución das obras contempladas no acordo

A Xunta reitera que o fin do convenio co Concello de Barreiros é dotar ao municipio das infraestruturas que garantan o seu crecemento sostible e ordenado

O proxecto abrangue as obras de urbanización, abastecemento de auga potable e saneamento precisas para o desenvolvemento dos catro núcleos urbanos delimitados en Barreiros: San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, apuntou que non se vai legalizar ningunha situación urbanística, senón proporcionar aos veciños uns servizos básicos

Estas actuacións suporán un impacto socioeconómico non só para o municipio de Barreiros, senón para a súa bisbarra e a provincia de Lugo

Santiago, 10 de xuño de 2010.- O convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Barreiros ten como fin primordial dotar ao municipio de infraestruturas ás que os cidadáns teñen dereito, garantindo o crecemento sostible e ordeado do ente local. Así o declarou hoxe a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, na súa intervención na Comisión 2ª.

O importe desta actuación interadministrativa ascenderá a máis de 14 millóns de euros, dos cales 5,6 serán achegados pola Xunta de Galicia, 1,2 pola Deputación Provincial de Lugo, e 7,2 polo Concello de Barreiros. O Goberno galego colabora de xeito técnico e financeiro con este municipio lucense, consciente de que é preciso resolver os problemas de precariedade que presenta a localidade nos servizos básicos para acadar uns niveis indispensables de calidade de vida.

Encarnación Rivas subliñou que o obxecto deste convenio é dotar ao solo dos núcleos urbanos existentes no termo municipal citado, de aptitude a curto prazo para servir de soporte da edificación residencial proxectada sobre as ditas áreas do solo.

O proxecto contempla as obras de urbanización, abastecemento de auga potable e saneamento precisas para o desenvolvemento dos catro núcleos urbanos delimitados en Barreiros, que non están comprendidos na franxa dos 500 metros medidos dende a liña anterior da ribeira do mar. Trátase de localidades como San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante, con exclusión do núcleo urbano de San Bartolo.

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo apuntou que non se vai legalizar ningunha situación urbanística, senón proporcionar aos veciños uns servizos básicos. Deste xeito, a Xunta non está a aplicar en Barreiros ningún criterio diferente ao que mantén co resto de concellos galegos, no ámbito de cooperación para a dotación de infraestruturas.

Por outra parte, Rivas destacou que a instrumentación dun único Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal é a vía máis axeitada de planificación territorial para transformar os niveis de urbanización e dotación que se contemplen como necesarios no citado ámbito. Neste senso, lembrou que en outubro de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación dos traballos para a redacción do novo PXOM de Barreiros.

En definitiva, Encarnación Rivas indicou que este proxecto supón un impacto socioeconómico non só para o municipio de Barreiros, senón para a súa bisbarra e a provincia de Lugo.

Exit mobile version