Site icon Crónica3.com A Mariña

O deputado provincial de Cultura e Deportes na entrega de trofeos da Liga Provincial Norte de Bolos

LUGO .- O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, xunto ao delegado de Cultura e Deportes da Deputación, o tamén nacionalista Antonio Veiga, participaron esta noite, ademais doutras autoridades e do organizador da liga Mario Saavedra, na entrega de trofeos na cea de clausura da tempada da Liga Norte de Bolos, que se celebrou nun coñecido restaurante de Barreiros. A Área de Cultura e Deportes apoiou, igual que no caso doutras modalidades de xogos tradicionais, o desenvolvemento da competición da Liga de Bolos do Norte.

Antón Bao, na súa intervención, amosouse satisfeito porque hoxe “podemos comprobar como un dos elementos da nosa cultura e identidade como son os xogos e deportes tradicionais, lonxe de esquecerse, están en plena vixencia e actualidade, congregando as fins de semana a moita xente de diferentes comarcas luguesas, grazas ao traballo e esforzo de moitas persoas, ás que desde a Área de Cultura e Deportes da Deputación queremos agradecérllelo e apoiar en todo momento”. O vicepresidente afirmou que “os bolos, coas as súas diferentes formas, coas diferentes maneiras de xogar en cada lugar, serven tamén para xuntar á xente cun propósito común, desfrutar dun xogo ou deporte tradicional moi noso e que nos une tamén, igual que a nosa música ou o idioma, como lucenses, galegos e galegas”.

Pola súa banda, o delegado de Cultura e Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, destacou a implantación dos bolos “na Mariña e o norte lucense en xeral, coa posta en marcha desta Liga Provincial do Norte que conta con 7 equipos federados e máis de 160 practicantes de todas as idades”, e asegurou que “é un deporte que implica a todo o mundo, desde rapaces até maiores, e convida a socializar”. Veiga tamén lembrou que “desde a nosa entrada no goberno da Deputación, desde a Área de Cultura e Deportes propúxose sempre dar todo o apoio á recuperación e difusión dos xogos e deportes tradicionais, obxectivo compartido e conseguido ao cen por cento colaborando coa Liga Provincial de Bolos”.

Exit mobile version