Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que empraza á Plataforma Sanitaria a desconvocar a manifestación tras recibir garantías escritas da Xunta

NOTA DE PRENSA

Este colectivo comprometeuse a suspender o acto de protesta se recibía compromisos escritos de Sanidade a este respecto

O PP EMPRAZA Á PLATAFORMA A DESCONVOCAR A MANIFESTACIÓN TRAS REMITIRLLE UNHA RESPOSTA OFICIAL ESCRITA DA XUNTA QUE GARANTE A AUTONOMÍA, INDEPENDENCIA E PLENAS COMPETENCIAS DO XERENTE DA ÁREA SANITARIA DA  MARIÑA

* A Xunta afirma por escrito que o xerente da área da Mariña (Burela) correspóndelle a xestión dos recursos sanitarios, orzamentarios e materiais así como das prestacións e programas do Hospital da Costa e dos centros de saúde da comarca.

* O  PP pide una  proba de boa fe deste colectivo que si de verdade está preocupado pola mellora da sanidade na comarca saberá enxuizar acertadamente estes compromisos e actuar de xeito  construtivo non a base de protestas e mobilizacións.

A Mariña, 24 de xuño de 2010.- O Partido Popular da Mariña empraza á plataforma sanitaria a desconvocar a manifestación prevista para este sábado tras remitirlle unha resposta oficial escrita da Xunta de Galicia pola que se garante a autonomía, independencia e plenas competencias da xerencia da área sanitaria da Mariña. Na resposta do Goberno, a unha pregunta do  deputado popular Jose Manuel Balseiro, o departamento que dirixe Pilar Farjas aclara que ao xerente da área sanitaria da Mariña (Burela) “correspóndelle a xestión dos recursos sanitarios, dos recursos orzamentarios e materiais, así como das prestacións e programas do Hospital da Costa e dos centros de saúde da súa área”.

Deste xeito se está a poñer fin ás especulacións e aos argumentos que se  manexaron desde a plataforma sobre unha posible xestión da sanidade comarcal desde a cidade de Lugo. Sanidade confirma a plena capacidade de decisión do xerente da área sanitaria –coñecida tecnicamente como Burela- que terá baixo a súa responsabilidade non só a xestión dos servizos sanitarios da Mariña senón tamén do orzamento e do persoal.

Ao mesmo tempo o Goberno galego lembra na súa resposta que ten un compromiso claro “polo mantemento e potenciación da carteira de servizos e  especialidades do Hospital da Costa”, negando polo tanto a idea de que puideran perderse algunhas consultas. Todo  o contrario, os populares insisten en que se crearán novos servizos, sen necesidade de efectuar traslados  a outros centros.

MOSTRA DE BOA FE:  POSICIÓN CONSTRUTIVA

O Partido Popular espera a boa disposición da Plataforma sanitaria para desconvocar a manifestación tal e como ten comprometido este colectivo, que amosouse publicamente disposto a facelo de recibir garantías escritas da autonomía e fortalecemento dos servizos sanitarios. A resposta do Goberno vén a establecer totais garantias, por escrito, destas peticións e polo tanto deberan servir polo menos para que se evitase a  realización deste tipo de protestas. Os populares piden unha proba de boa fe a este colectivo que, si de verdade está interesado pola mellora da sanidade comarcal saberá enxuizar acertadamente estes compromisos e, polo tanto, malia que manteñan as súas reivindicacións, facelo desde un punto de vista construtivo e non a través de mobilizacións e pancartas.

COPIA LITERAL DA RESPOSTA OFICIAL DA XUNTA AO DEPUTADO BALSEIRO

“Ao xerente da área sanitaria da Mariña correspóndelle a xestión dos recursos sanitarios, dos recursos  orzamentarios e materiais, así como das prestacións e programas do Hospital da Costa e dos  centros de saúde da súa área.

O Goberno galego e a Consellería de Sanidade teñen un compromiso claro polo mantemento e potenciación da carteira de  servizos e especialidades do Hospital da Costa

O que lle remito para o seu coñecemento e inserción no Boletín Ofocial do Parlamento de Galicia, de acordo co previso no artigo 65 e concordantes do Regulamento vixente

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2010”
Asina o director xeral de Relacións Parlamantarias

Exit mobile version