Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP non está de acordo co uso do heliporto do Hospital polo helicóptero da ministra

NOTA DE PRENSA
Os populares da Mariña cualifican a situación de “escandalosa” non só pola “apropiación e uso indebido de medios de titularidade pública” senón tamén polo “fracaso dunha visita que non serviu para adquirir ningún compromiso serio cos concellos da Mariña afectados polo temporal”
O HELICÓPTERO NO QUE SE TRASLADOU A MINISTRA ESPINOSA INUTILIZOU POR ESPAZO DUNHA HORA O HELIPORTO DO HOSPITAL DA COSTA

* Durante este tempo non se puido facer uso desta instalación de aterraxe que se emprega para servizos de emerxencia médica e traslados aéreos de doentes con patoloxías graves

A Mariña, 18 de xuño de 2010.- O helicóptero no que chegou a Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa para efectuar a súa visita a varios concellos da Mariña inutilizou por espazo aproximado dunha hora o heliporto do Hospital da Costa. Así o veñen a denunciar desde o Partido Popular da Mariña desde onde non descartan a presentación de todo tipo de iniciativas co obxecto de clarexar as circunstancias nas que tivo lugar este suceso.

De xeito especial, aos populares lles preocupa que durante todo este tempo non se puido facer uso desta instalación de aterraxe do Hospital da Costa que se emprega para servizos de emerxencia médica e para traslados aéreos de doentes con patoloxías graves e, polo tanto, nos que a plena disposición da mesma por parte dos helicópteros sanitarios ou de emerxencias resulta imprescindible e básica para garantir a vida e integridade física dos doentes.

Os populares da Mariña cualifican a situación de “escandalosa” non só polo que ao seu xuízo é unha “apropiación e uso indebido –pouco apropiado- de medios de titularidade pública” senón tamén porque toda esta parafernalia e as problemáticas que provocou a Ministra non serviron para nada, constatado o “fracaso dunha visita na que Elena Espinosa non adquiriu ningún compromiso serio cos concellos da Mariña afectados polo temporal, todo iso a pesar das insistentes peticións dos alcaldes”

Exit mobile version