Site icon Crónica3.com A Mariña

Os alcaldes do PP da Mariña non asistiron á reunión da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública

BURELA .- Á reunión convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Mariña para todos os alcaldes da comarca, coa intención de tratar a situación da atención primaria e do Hospital da Costa, so asistiron os alcaldes ou representantes de Ribadeo, Foz, Burela , Mondoñedo e Viveiro. Os alcaldes do Partido Popular non asistiron a reunión da Plataforma a pesar de estar convocados. Na reunión a Plataforma fixo unha proposta de moción para que sexa debatida nos concellos.

PROPOSTA DE MOCIÓN DA A PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE NA MARIÑA

EXPON:

A creación do Hospital da Costa como resposta ás mobilizacións que viviu A Mariña aos finais dos setenta e a posterior posta en marcha do mapa sanitario de Galicia, que deu orixe á creación da Área Sanitaria da Mariña, significou unha mellora substancial da atención sanitaria da Comarca.

A principios do mes de Xuño do pasado ano, a Conselleira de Sanidade anunciou en Burela a creación dunha área sanitaria ÚNICA para a provincia de Lugo, o que suporá, a centralización da xestión tanto hospitalaria coma dos centros de saúde en Lugo. As declaracións da Sra. Farjas provocaron unha grande preocupación na Comarca, pois ao Hospital da Costa están asignadas aproximadamente 72.000 persoas, distribuídas en 14 concellos, que pasarían a ter como primeiro Hospital de referencia o Hospital de Lugo, a uns 100 Kms de Burela e uns 90 minutos en tempo de desprazamento en coche.

A pesar dos esforzos de distintos colectivos por que se clarexasen as intencións da Conselleira, tras distintas declaracións contraditorias de distintos membros do seu departamento, como a Sra. Xerente do Sergas Rocio Mosquera de “ reforzo de estratexias organizativas” non só non aclaran nada senón que o que fan é sacar a publicación do Borrador do Decreto de Estrutura Organizativa de Xestión Integrada” onde se recolle entre outros asuntos, a adscrición dos hospitais de Cee e de Ribeira ó CHUAC (A Coruña) e ó CHUS (Santiago), perdendo a súa condición de xerencia independente, que se farían no presente exercicio, pospoñendo as provincias de Ourense e Lugo para ser ordeadas no vindeiro ano, pasando de largo do actual mapa sanitario, é dicir, nin se fai referencia as áreas sanitarias en todo o documento “vulnerando” as competencias en materia de relacións laborais e a propia Lei que fixa a estrutura do Servizo Galego de Saude.

Este decreto non define que unidades directivas e de xestión nin que condicións laborais e económicas se constitúen e o que é máis importante que papel se deixa á participación social como marcan claramente as leis de Saude de Galicia e a Lei Xeral de Sanidade, aspecto este que sería obrigado se non se tratara de sortear o actual mapa sanitario con a súa estrutura de áreas sanitarias.

A participación social establecida na actual Lei de Saude de Galicia refírese ós consellos de Saude de Área Sanitaria (que non se citan no texto), de ningún modo se refiren ás Áreas de xestión integrada.

A xuízo desta plataforma as cosecuencias para a sanidade pública da Mariña, resúmense nos seguintes aspectos:

a) Unha xerencia ubicada en Lugo, pola súa distancia, sería unha gran descoñecedora dos problemas que xurdisen nos centros da área da Costa.

b) Unha xerencia ubicada en Lugo podería por en cuestión investimentos tanto no propio Hospital como nos Centros de Saude da Costa.

c) Unha xerencia única ubicada en Lugo e diante da escaseza de certos especialistas, implicaría desprazamentos constantes de poboación da Costa á capital, o que levaría consigo unha perda de calidade de vida, ademais de teren que asumir gastos de desprazamento, e incluso de hospedaxe, (recorda a 25 anos atrás…….)

Por todos estes motivos a creación da Xerencia Única de Lugo, crearía unha merma de calidade asistencial que se lle presta á poboación da Mariña e non pode consumarse porque sería avanzar no desmantelamento de servizos da Mariña, particularmente en algo tan importante como na atención sanitaria.

PROPOSTA DE ACORDO

Esta plataforma insta a ese Pleno da Corporación Municipal a que defenda e apoie:

1. Unha área de Xestión Integrada Única propia da Mariña.

2. Unha aposta firme e decidida por esta comarca coa ampliación real do Hospital da Costa e número de camas, implantación da Unidade de Oncoloxía, ampliación de Hemodiálise, pleno funcionamento da Consulta Maior Ambulatoria, unha Resonancia Magnética fixa, a hospitalización a domicilio, a posta en funcionamento dos servizos de tarde, os aumentos de plantilla e por suposto o reforzo e mantemento de tódolos servizos e unidades existentes tanto de Atención Primaria como de Especializada.

3. Un xerente de Area Integrada Única de Burela e non un Xerente Executivo que sería unha mera figura representativa.

4. Que o Pleno da Corporación exprese o seu apoio á manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña e contra o desmantelamento do Hospital da Costa para o 26 de xuño ás 12:00 horas

Que do presente acordo se de traslado ó Presidente da Xunta de Galicia , á Conselleira de Sanidade, así como os grupos políticos con representación na cámara galega.

Exit mobile version