Site icon Crónica3.com A Mariña

Os traballadores da área pública concéntranse en Burela en protesta polas medidas do Goberno

BURELA .- Convocados pola Confederación Intersindical Galega, un centenar de traballadores e traballadoras dos sectores de administración local, autonómica, central, ensino e saúde e das empresas concesionarias da administración, concentráronse diante da entrada do Hospital da Costa de Burela.

A Confederación Intersindical Galega, dentro das mobilizacións programadas como resposta ao decreto de medidas extraordinarias aprobado recentemente polo goberno central, concentrou diante da entrada do Hospital da Costa a un numeroso grupo de traballadores e traballadoras dos diferentes sectores da área pública da Mariña.

A concentración celebrouse entre as 11,30 e as 12 horas e, ao remate, Dores Fernández Abel, en representación da federacións de Ensino, Saúde e Administración Pública da CIG, leu un manifesto no que rexeitaba as medidas aprobadas por inxustas e por non ir contra aqueles que provocaron a crise: a especulación e o sistema económico neoliberal.

Por outra banda criticouse no manifesto a campaña de desprestixio a que están sometendo aos traballadores e traballadoras do sector público e que ten como fin dividir á clase traballadora e camiñar na privatización de servizos e precarización do público.

Por ultimo animou aos traballadores do sector público a participar na folga do dia 8 de xuño e na manifestación que terá lugar ese dia en Lugo e para a que organizarán dende o sindicato o transporte.

Exit mobile version