Site icon Crónica3.com A Mariña

Localidades sen tratamento de efluentes ou con urbanismo depredador teñen bandeira azul

MARIÑA .- A Bandeira Azul tense convertido en sinónimo de praias en bo estado, mais non significa que o litoral estea ben conservado, asegura a asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (ADEGA). Explica que, concellos cuxas vilas e cidades carecen de tratamento para os seus efluentes, que ademais practican un urbanismo depredador, ven “premiada” a súa mala xestión coa bandeira azul. As praias non son parques urbanos, e a boa conservación dos ecosistemas naturais nada ten que ver coa calidade sanitaria e os servizos, e moito menos coa masificación, que a miúdo provoca concesión deste “galardón”.


REFERENCIA

Bandeiras Azuis: un lavado de cara para concellos con mala conciencia ecolóxica

3 de xuño de 2010. A Bandeira Azul tense convertido en sinónimo de praias en bo estado, mais non significa que o litoral estea ben conservado. Os criterios polos que a FEE-ADEAC (unha fundación internacional privada) concede a Bandeira Azul, atenden principalmente á calidade da auga e aos servizos da praia durante a tempada de baño, e non á conservación efectiva dos ecosistemas litorais. Segundo a propia FEE “Identificar y/o premiar aquellas playas más verdes y mejor conservadas ecologicamente, no es función de la Bandera Azul” (Baixa os CRITERIOS da web de ADEAC). Así, concellos cuxas vilas e cidades carecen de tratamento para os seus efluentes (A Coruña, Vigo, moitos das rías de Pontevedra e Arousa), que ademáis practican un urbanismo depredador (Barreiros, Sanxenxo…), ven “premiada” a súa mala xestión coa bandeira azul. As praias non son parques urbanos, e a boa conservación dos ecosistemas naturais nada ten que ver coa calidade sanitaria e os servizos, e moito menos coa masificación, que a miúdo provoca concesión deste “galardón”.

Este ano 2010, a FEE (Fundación de Educación Ambiental) através da súa filial española ADEAC (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor) concedeu 132 bandeiras azuis no litoral galego, entre praias e portos. Para moita xente, usuari@s e administracións, este símbolo converteuse en sinónimo de calidade ambiental e de litoral ben conservado. No entanto, ningún colectivo ambientalista apoia este distintivo, e cada vez máis concellos rexeitan pedir a Bandeira Azul, non atende a criterios ambientais e mesmo obriga a “humanizar” e “urbanizar” praias virxes, cos custos que isto conleva. A propia ADEAC aclara: “Bandera Azul pretende que, en playas concurridas y organizadas, se respeten aquellas condiciones higiénicas, sanitarias y ambientales, que la legislación vigente exige y la seguridad y bienestar de sus usuarios, locales o visitantes”.
Ainda que dende 1999 cando a Comisión Europea chamou a atención sobre o “escaso rigor” dos criterios de concesión das bandeiras azuis, estes requerimentos tornáronse máis estritos, a Bandeira Azul está moi lonxe de ser sinónimo de litoral ben conservado. Acontece que monitorízase principalmente a calidade das augas de baño e os servizos da praia, e só durante a tempada estival. Durante o resto do ano, cuestións tan importantes como o o estado das dunas e orla prelitoral, a calidade paisaxística e a ausencia de impactos sobre os hábitats e especies costeiras, non son tidas en conta. Tampouco se analiza a capacidade de carga do ecosistema costeiro con estudos de impacto ambiental, para evitar as consecuencias da masificación. Neste senso, a FEE aclara: “En caso de querer premiar el esfuerzo de conservación y el ‘lucro cesante’ de algunos municipios en dichas áreas naturales litorales, los criterios deberían divergir en no pocos casos de los criterios de los de Bandera Azul”. Isto é: pouco ten que ver a Bandeira Azul co esforzo de conservación das nosas costas.
Por outra banda, algunhas das praias que veñen sendo recoñecidas coa bandeira azul amosan graves problemas ambientais relacionados coa presión urbanística e turística. Construccións en primeira liña, circulación de veículos sobre as dunas, e mesmo emisarios de augas fecais comparten protagonismo coa Bandeira Azul. Praias urbanas como Riazor-Orzán, recentemente “rexenerada” por Costas con milleiros de toneladas de area de canteira, poñendo o contador dos ecosistemas litorais “a cero”, locen bandeira azul. Por non falar dos portos deportivos, paradigma da destrución do litoral por un uso turístico restrictivo, aos que se lles quer dar un verniz “sustentábel” empoleirándolles unha Bandeira Azul.
A función deste distintivo, tal e como recoñecen os seus responsábeis, non é conservar os valores naturais das praias, polo que a cidadanía non deberían trabucarse: a Bandeira Azul, non é garantía dun litoral ecolóxico, natural e ben conservado. É unha marca publicitaria, un produto comercial deseñado para amortecer os impactos do turismo de masas en litorais intensamente humanizados, e como tal produto, hai que ler tamén a letra pequena.
O verdadeiramente grave é que moitos concellos, para conseguir unha Bandeira Azul, inician actuacións que degradan a calidade ambiental de espazos litorais virxes ou escasamente humanizados. A propia FEE cúrase en saúde: “Nunca las infraestructuras exigidas por Bandera Azul pueden ni deben constituirse en argumento para alterar el carácter natural de determinados parajes litorales. La vocación de estos parajes, con independencia de su forma y grado de legal, no sería conseguir una Bandera Azul”. Que llo expliquen a algúns alcaldes que debecen pola insignia custe o que custe.
Dende ADEGA queremos chamar a atención da cidadanía para que relativicen a importancia das Bandeiras Azuis. Unha cousa é dotar ás praias turísticas cos servizos e garantías hixiénicas axeitadas, e outra preservar os valores ecolóxicos do litoral promovendo a conservación de espazos o menos humanizados posíbel. Moitos concellos exiben praias “limpas” e con bandeira azul pero teñen unha conciencia ambiental moi suxa (falta de depuración, urbanismo depredador…)
Coa Bandeira Azul, coma con calquera outro produto, hai que prestar moita atención a letra pequena!

Exit mobile version