Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo dota as praias con 14 socorristas e punto de información nas Catedrais

RIBADEO (FNC) .- Os areais de Ribadeo contarán desde mañá con 10 socorristas aos que se unirán outros catro a partires do vindeiro 9 de xullo. Nuns días quedará instalado o punto de información das Catedrais mediante o que os visitantes poderán coñecer as horas exactas para cursar visita a esta praia.

O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, sinalou que “estamos a punto de recibir a milleiros de turistas en Ribadeo e veciños que residen fora do noso territorio polo que estamos a facer un esforzo enorme para ter as nosas praias e caudais o máis limpos posible. Sabemos que este non é un ano fácil debido ás choivas que tivemos recentemente e que provocaron que as escorrentías dos ríos arrastrasen plásticos, madeira e maleza ata o mar e ata as nosas praias. Tamén ocorre desde hai algún tempo que as correntes levan a area e a cantidade de algas depositadas nas praias é maior. Sabemos que as dotacións presupostarias cada vez son menores, pero non por iso desde o Concello debemos facer menos esforzos senón todo o contrario”.

Os aparcadoiros dos areais ribadenses están listos para seren empregados. O edil nacionalista dixo que “o aparcadoiro das Catedrais conta con todas as autorizacións pertinentes da Consellería de Medio Ambiente, así como os de As Illas-Castros e Rinlo. Só estará prohibido estacionar no aparcadoiro provisional das Catedrais entre as 21 horas da noite e as 8 da mañá, para evitar que autocaravanas pernocten alí. Xa hoxe nos arrincaron a información relativa a estes horarios, pero agardamos que non volten a producirse feitos coma este a partires de agora”. O responsable de Medio Ambiente anunciou que “o punto de información das Catedrais instalarase nuns días, será cando recibamos a autorización pertinente e cando chegue o persoal que o vai atender.

Cupeiro tamén subliñou que “Ribadeo contará desde mañá con 10 socorristas nos seus areais, cifra que se incrementará a partires do vindeiro 9 de xullo. Nesa xornada incorporaranse 4 máis. O persoal de limpeza das praias adicarase a limpar os plásticos e outros obxectos depositados nelas e os baños tal e como esixe a Q de calidade e como vimos facendo nos últimos anos”.

Exit mobile version