Site icon Crónica3.com A Mariña

Inauguraron en Cervo a mostra pictórica “Mulleres, pintoras, artistas, luguesas”

CERVO .- Inauguraron en Cervo a mostra pictórica itinerante “Mulleres, pintoras, artistas, luguesas”, que nos próximos meses levará a distintos puntos da provincia a obra de 24 artistas lucenses, ás que no caso cervense se suman 5 creacións máis de outras tantas pintoras da zona. A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou no acto.

Nota de Prensa

RAQUEL ARIAS INAUGURA EN CERVO UNHA EXPOSICION ITINERANTE DE PINTORAS LUGUESAS NA QUE PARTICIPAN 29 ARTISTAS DA PROVINCIA

* A delegada territorial da Xunta destacou a importancia de valorizar e dar a coñecer o traballo das mulleres  a través da arte
* A mostra visitará proximamente os concellos de Ribadeo, Sober, Quiroga e Outeiro de Rei, e en cada paso do percorrido sumará a participación de pintoras locais

Cervo, 2 de xullo de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou hoxe en Cervo no acto de inauguración da mostra pictórica itinerante Mulleres, pintoras, artistas, luguesas, que nos próximos meses levará a distintos puntos da provincia a obra de 24 artistas lucenses, ás que no caso cervense se suman 5 creacións máis de outras tantas pintoras da zona.

Trala apertura en Cervo, onde permanecerá ata o vindeiro día 15 de xullo, a exposición poderá visitarse en Ribadeo, Sober, Quiroga e Outeiro de Rei ao longo dos próximos meses.

Arias destacou que o obxectivo da exposición é reivindicar, a través da obra destas artistas, o traballo “omnipresente, moitas veces invisible” que realizan tantas mulleres e en ámbitos tan diversos como a empresa, a cultura e a familia.

A mostra, organizada pola Delegación Territorial da Xunta o pasado mes de marzo co gallo da celebración do Dia da Muller Traballadora, convértese agora en itinerante. “Non podemos esquecer –subliñou a delegada- que neste caso a arte non é un obxectivo en si mesma, senón o pretexto que utilizamos para a promoción da muller; para facer patente a nosa aposta pola incorporación efectiva das mulleres a todos os ámbitos de actividade en condicións de igualdade”.

A delegada lembrou “a colaboración e entusiasmo” co que as pintoras acolleron a iniciativa da Delegación Territorial da Xunta para conmemorar o 8 de marzo. “En realidade –apuntou- foron elas quen, contaxiándonos da súa paixón, nos empurraron para poñer a xirar esta mostra”.

A Delegación Territorial, contando coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade, deseñou un calendario de cara ao verán para que os veciños e visitantes da nosa provincia, que son numerosos nesta época do ano, puideran disfrutar desta iniciativa. No tocante á organización, a delegada agradeceu a cooperación dos concellos participantes, “que acolleron esta iniciativa con inmellorable disposición”.

Artistas invitadas

A exposición está formada inicialmente por 24 obras –unha por artista-, aínda que se prevé ampliala con traballos de artistas locais. “Pensamos que sería positivo ir sumando novos talentos ao longo do percorrido; incluír elementos orixinais en cada unha das estacións, e ofrecer a outras mulleres a oportunidade de unirse a nós e exhibir tamén as súas obras”, explicou Raquel Arias.

No caso de Cervo, o proxecto conta coa colaboración de cinco pintoras da zona. “Estas artistas invitadas complementan a visión que queremos transmitir acerca dos camiños polos que discorre a arte que crean as mulleres en Lugo”, sinalou Arias.

Neste sentido, Raquel Arias quixo resaltar que a mostra e, sobre todo, “unha confluencia de talentos e de mulleres extraordinarias”. Os traballos de pintoras recoñecidas sitúanse ao carón da obra de mulleres que aínda están comezando a súa andaina artística: “Atopamos obras de estilo figurativo, abstracto, naïf ou hiperrealista –explicou-, alumbradas por mulleres que cultivan o gravado, a acuarela, o óleo ou a serigrafía; unha diversidade de técnicas, estilos e formatos que confiren ao conxunto unha heteroxénea que curiosamente resulta harmoniosa”.

As pintoras que participan na mostra son “lucenses de nacemento ou de adopción”, xa que algunhas naceron noutras provincias da xeografía española ou mesmo noutros países.

Apertura en Cervo

A exposición itinerante botou a andar en Cervo cun acto inaugural no que participaron tamén o alcalde, Alfonso Villares Bermúdez, e a concelleira de Muller, Pilar Armada, e que contou coa presenza de varias das artistas participantes.

A mostra permanecerá en Cervo ata o día 15 de xullo e recalará nos días posteriores no veciño municipio de Ribadeo.

Exit mobile version