Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación destinou nos últimos dous anos 1,4 millóns de euros ás axudas de autónomos

LUGO .- A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este venres na inaguración da nova sede que a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia (UPTA) puxo en marcha en Lugo. No transcurso do encontro, Lara Méndez destacou que o organismo provincial, a través do INLUDES, destinou nos últimos dous anos 1,4 millóns de euros a axudas para este colectivo. Neste senso, a responsable da Área de Promoción Económica e Emprego indicou que “con esta iniciativa convertémonos na única Deputación de España que puxo en marcha un programa de apoio directo ós autónomos, destinado a pagar os seus gastos correntes e a xestionar mellor o seu negocio”.

En total, 1.200 empresarios se beneficiaron destas axudas, “polo que a Deputación ten un firme compromiso con este colectivo”. Lara Méndez tamén citou outra das medidas estratéxicas que puxo en marcha o organismo provincial destinadas a impulsar este sector. Trátase de Lugo Compite +, un novidoso programa anti-crise impulsado polo organismo provincial e para o que se cubriron as prazas en tan só catro días. A iniciativa, sufragada ó cen por cen pola Deputación de Lugo, polo tanto con custe cero para as empresas participantes, axudoulles ás empresas participantes a afianzarse de forma máis práctica e profesional.

A base da economía provincia

No acto no que tamén participaron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, e a Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias, Lara Méndez lembrou o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social vén de presentar o programa formativo co que se insertará a 540 desempregados nas profesións con máis futuro da provincia, e que se inclúe dentro do proxecto europeo Pacto Provincial polo Emprego, dotado con 3,4 millóns de euros.

Para a posta en marcha destes cursos elaborouse unha ampla diagnose sobre o emprego na provincia e que revela que este colectivo segue sendo o que sustenta a economía provincial. Segundo este estudo, en Lugo existen 6.600 autónomos, que representan o 65% da base empresarial de Lugo. “Isto obriga a que, en momentos de crise como os actuais, as administracións teñamos que desenvolver medidas e axudas destinadas a potenciar a economía das provincias, así como o seu tecido empresarial”.

Por sectores, estes distribúense do seguinte xeito: comercio 3.098; hostalería 1.590; industria manufactureira 810; actividades culturais e deportivas 557; construción: 221; transporte: 109; e o resto: agricultura, enerxía eléctrica, educación, actividades sanitarias. Só un 0,14% das empresas factura máis de 60 millóns de euros ó ano.

“Con estas actuacións, a Deputación demostra que está cos autónomos da provincia e non elude a súa responsabilidade como administración ó servizo dos Concellos e dos cidadáns de Lugo, senón que suma esforzos co obxectivo de garantir a estabilidade económica e o emprego dos veciños e veciñas desta provincia”, destacou Lara Méndez.

Exit mobile version