Site icon Crónica3.com A Mariña

A nova praza pública dos Campos

Recuperar o mellor do noso pasado para facelo presente hoxe é un obxectivo no que, ao longo das últimas lexislaturas, vén traballando de xeito intenso e decidido o Goberno municipal de Cervo. Así o demostran as actuacións desenvolvidas no paseo marítimo de San Ciprián, recuperando as antigas fábricas de salgadura ou os investimentos no conxunto histórico-artístico de Sargadelos.
Temos a oportunidade de celebrar unha boa nova despois de coñecerse que a Xunta financiará o 100% do investimento necesario –supera o millón de euros- para que San Ciprián conte cunha gran praza pública, un espazo libre, para o  ocio e esparexemento … xusto no centro do pobo, recobrando o lugar que no pasado ocupou a privilexiada área dos Campos.
Coa apertura da multinacional do aluminio o noso pobo mudou substancialmente  o seu aspecto como consecuencia da necesidade de novas vivendas para os veciños que chegaban, e servizos complementarios que levaron a construción de varios centros educativos, un deles o Mestre Rivera Casás que implicou a desaparición deste espazo libre dos Campos.
Hoxe a realidade é ben diferente, as instalacións están en desuso e con cada ano que pasa resulta máis evidente a necesidade dun gran espazo público, dunha gran praza, dun emprazamento neurálxico para as nosas principais festas ou para o mercado semanal, e  que ademais disporá novos espazos verdes, zonas para o xogo infantil e para a práctica deportiva.
Os mesmos que hoxe negan este proxecto era os que pretendían enganar afirmando que alí queríamos construír edificios, e os que sempre se negaron a algo tan positivo como é que hoxe convivan nun mesmo centro as nenas e nenos de San Ciprián, formando unha soa comunidade educativa, sen divisións, sen diferencias, sen enfrontamentos. Ademais habilitar alí o centro de día ou o gardería non é factible, porque os edificios non valen e habería que demolelos e construír novos coas características que agora demandan este tipo de instalacións.
A nova praza do Campos é un proxecto do pobo e para o pobo, que non suporá ningún tipo de custe para as arcas municipais e que resposta a unha demanda social amplamente consolidada. O actual Goberno da Xunta de Galicia cumpre así, unha vez máis,  unha histórica reivindicación dos veciños desta vila e do conxunto do concello. San Ciprián recupera un espazo público relevante, que foi un punto de encontro para os veciños no pasado e, afortunadamente, o volverá a ser no futuro.

José Manuel Balseiro Orol

Tenente de alcalde e edil de Urbanismo Concello de Cervo

Exit mobile version