Site icon Crónica3.com A Mariña

A un tal Balseiro

Moi pouca munición lle debe quedar na casa  ao PP de Cervo para ter que se achegar até Covas, no Concello de Viveiro, na busca de materia que lle sirva para disparar contra todo o que se move co obxectivo de ocultar  a súa nefasta xestión do affaire “Castro da Atalaia”.Próelles máis da conta. Saben que se este importante xacimento castrexo se libra do cemento é por obra e gracia da loita veciñal e polo empeño de asociacións como MariñaPatrimonio.

Teño para mín que un tal Balseiro pode ser o inspirador  da nota publicada o pasado xoves na que, exercendo de axente xudicial , me comunica que estou sendo “ obxecto de investigación por parte da Xustiza”  e que sobre mín recae “unha imputación xudicial de índole penal” que me podería definir como “ un agresor ao patrimonio histórico e cultural”. Casi nada, e eu sen me inteirar!.

Agradézolle a ese tal suxeito o benéfico labor que asumiu, mais entendo que as notificacións xudiciais acostuman a  chegar por correo certificado e esa aínda non se produciu.

A licenza de obras en Covas que tanto lle preocupa ao PP de Cervo foi  ditaminada favorablemente no seu día pola Comisión Especial de Obras , sen  votos en contra, cunha abstención e sen nengunha reserva por parte dos técnicos municipais. A Xunta de Goberno Local  celebrada o día 4 de decembro de 2006 acordou entender adquirida esta licenza “ por silenzo administrativo, polo transcurso do prazo máximo para resolver expresamente, de conformidade co establecido no artigo 43.5 da Lei 30/1992”.

No punto 2º  deste acordo, recóllese: “Entender esta adquisición por silenzo administrativo, unicamente dentro das competencias municipais e sen prexuizo das autorizacións sectoriais ou doutras administracións que sexan esixíbeis, entre as que se atopa o Servizo de Patrimonio de Lugo, da Consellería de Cultura e Deporte, de conformidade á súa Resolución de 3 de agosto de 2006”

E no 3º  apartado, dí: “As obras non poderán iniciarse sen a previa presentación do proxecto de execución adaptado ás observacións feitas polo técnico municipal nos seus informes de 24 de maio de 2005 e 24 de febreiro de 2006.”

Con posterioridade, como os devanditos condicionantes non se cumpriron, non se iniciou—nen  nunca podería facerse—obra  algunha amparada por esa licenza.

Acougue, pois, o tal Balseiro. Para nada necesito dos seus servizos  A casa que representa non conta con moito creto á hora de deslexitimar a ninguén en materia de urbanismo nen de urbanidade. Ocúpese  dos asuntos da Pesca ou da Sanidade, no que coido é un experto; no coidado da súa incontinencia verbal, hai tratamentos; no ditado das “Memorias dun virachaquetas”, da executiva dun partido á doutro; en repasar a táboa do 3 , que non vén mal para atinar no cómputo de manifestantes,  ou en amañar o cisco interno que ten en Viveiro. Enfin, tamén pode darse  unha volta por Barreiros e poñer as barbas en remollo ou ir pasar o verán a Gondomar, onde por certo a palabra corruPPción xa se escrebe con dous pes.

FRANCISCO LUÍS RODRÍGUEZ GUERREIRO

Exit mobile version