Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta contrata 95 socorristas para vixiar as praias e piscinas durante o verán

LUGO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, asistiu hoxe á presentación do equipo de socorristas de Barreiros, no día en que comezan o seu labor os preto dun centenar de vixiantes contratados en distintos concellos a través dos plans de cooperación da Xunta.

Arias lembrou que a Xunta sufraga a contratación de 95 socorristas e vixiantes na provincia, dos cales 73 actuarán nas praias da Mariña e o resto en piscinas doutros concellos do interior. En termos xerais, os dous datos representan “un incremento con relación aos últimos anos”, destacou a delegada. No ano 2008, por exemplo, foron 84 os socorristas que prestaron servizo na provincia, dos cales, 70 realizaron traballos nos areais da Mariña. Estas contratacións suman un investimento de 403.540 euros.

No caso de Barreiros, a Consellería de Traballo e Benestar subvencionou 15 socorristas por un período de dous meses, así como 9 peóns ambientais –estes, por un ano completo- que poden colaborar no mantemento dos areais.

Outros concellos, como Cervo e O Vicedo, tamén reciben subvencións para a contratación de persoal relacionado coa conservación medioambiental, que pode incidir na limpeza e mantemento das praias durante o verán.

En total, os concellos da costa de Lugo –Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove- reciben dos programas de cooperación un montante global de 1.425.835 euros, para a contratación de 178 traballadores.

Os programas de cooperación teñen por obxecto o fomento do emprego, a través da subvención da contratación de traballadores e traballadoras sen emprego para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social. Deste xeito, proporciónaselles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Durante a presentación do equipo de socorristas, Raquel Arias afirmou que “este tipo de actuacións a favor do emprego son máis necesarias que nunca no contexto de crise económica que sufrimos, que asfixia aos concellos, polo demais, sempre escasos de recursos”.

Exit mobile version