Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta débelle a Burela máis dun millón de euros das subvención do ano pasado para contratar persoal

BURELA (FNC) .- A concelleira de Deportes, Neves Cando, asegura que a Xunta lle adebeda ao Concello de Burela máis dun millón de euros procedentes das subvencións que lle concedeu o ano pasado para a contratación de persoal, obras e servizos. A edil nacionalista di que si a Xunta lle fixese chegar eses cartos o Concello xa estaría en disposición de pagarlles aos clubes deportivos.

Neves Cando sinala que “o único que non ten futuro é a política difamatoria, mentirosa e cínica do PP de Burela que só está ao servizo dos intereses político-persoais do seu portavoz que quere, parece ser, medrar dentro do seu partido e que só aterriza aquí uns días ao mes para xustificarse diante da súa parroquia. Di o portavoz do PP que o Concello pague o que lle debe aos clubes, e eu respóstolle que si a Xunta lle pagase ao Concello de Burela o que lle debe, e que a estas alturas é máis dun millón de euros, non nos demoraríamos tanto no pago aos clubes”. A concelleira de Deportes subliña que “a Xunta débenos a maioría das subvencións do ano pasado en materia de contratación de persoal, obras e servizos e eses cartos estaos pagando e adiantando o Concello de Burela. Que a Xunta nos pague o que nos debe de subvencións e convenios e o Concello automáticamente pagará aos clubes, esíxalle señor Barcia á Xunta de Galicia que cumpra coas súas débedas co noso Concello”.

A edil do BNG considera que “as comparacións son odiosas e neste tema de política deportiva o portavoz do grupo municipal do PP non ten nin idea nin sabe de que vai o tema, pero para que a xente o saiba e compare a súa política deportiva e a nosa imos dar uns datos. O goberno municipal do PP no ano 2007 deu 41.100 euros en subvencións ao deporte e no goberno do BNG e do PSOE demos no 2008 un total de 78.800 euros, no 2009 destinamos a este fin 52.700 e no neste 2010 a cifra é de 54.100 euros. Esa é a diferencia e, por certo, o PP tardaba en pagar as subvencións máis de oito ou nove meses”. Neves Cando tamén alude aos investimentos en instalacións deportivas “neste caso tamén estaba mellor caladiño o portavoz do PP porque en só tres anos estas son as nosas cifras, máis de 150.000 euros investidos no campo de fútbol da Marosa en saneamento, en pintura, na herba, nas placas solares… máis de 70.000 euros en dotacións para o pavillón Vista Alegre, independentemente da obra de ampliación comprometida por nós co anterior goberno da Xunta de Galicia e que o PP de Burela negaba unha e outra vez. E tamén fixemos investimentos importantes no campo de fútbol de herba artificial da Marosa e que o PP de Burela non foi capaz de facer en 12 anos, e nós puxémolo a andar en só dous anos de goberno municipal”.

A concelleira nacionalista manifesta que “esta é a realidade, o apoio firme e decidido ao deporte en Burela, pero non só aos clubes que desenvolven as escolas deportivas municipais, senón tamén a outro tipo de actividades deportivas que desde o PP de Burela nunca atenderan. Hoxe en día Burela é un referente deportivo na Mariña non só polo fútbol, o fútbol sala e o baloncesto senón tamén pola ximnasia rítmica, as artes marciais, o ciclismo ou as actividades náuticas. Esa é a realidade do deporte en Burela e si o PP non o ve así e porque non vive aquí nin participa nin se achega ás actividades deportivas que aquí se celebran, ás veces sí para sacarse a foto e nada máis”.

Exit mobile version