Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta para o obradoiro de emprego Faro de Burela, explican responsables do goberno local

BURELA (FNC) .- Os concelleiros socialistas de Formación e Emprego, Obras e Servizos, e Mar Sonia Fraga, Pascual Doménech e Remedios López, critican o silencio administrativo no que caeu o obradoiro de emprego Faro de Burela IV por parte da Xunta de Galicia e esixen que se fagan públicos os criterios de avaliación da convocatoria.
Os tres edís lembran que presentaron o 12 de abril diante da Xunta de Galicia “un ambicioso proxecto de obradoiro de emprego único en Galicia, que responde ao compromiso do Concello como promotor a participar como axente activo na dinamización do tecido socioeconómico e empresarial. Dito proxecto denominado Faro de Burela IV está dirixido á formación de desempregados da zona na confección e mantemento de artes e aparellos de pesca e a rehabilitación e acondicionamento dunha área pertencente ao Concello para convertela nunha zona axardinada e recreativa con pavimentación con lastras, buscando como fin último poder dotar aos cidadáns do noso pobo e aos seus visitantes dun parque coas instalacións necesarias para o seu uso ademais de buscar a inserción laboral dos desempregados do municipio”.
Este obradoiro de emprego tería unha duración de 12 meses, integraría a 45 persoas desempregadas maiores de 25 anos, dando preferencia aos colectivos de mais risco social e contaría cun presuposto total de 968.611€ que serían invertidos no pobo de Burela.
Os concelleiros de Burela explican que “con data 10 de maio, o Concello de Burela recibe un requirimento  dalgunhas deficiencias que se encontraban no proxecto orixinal que resolve con dilixencia para que se lle conceda, e así poder comezalo no mes de xuño tal como establecía a orde de publicación. Dende aquela non temos mais información que a facilitada polos medios de comunicación, da concesión de obradoiros a outros concellos de A Mariña considerando que o  noso proxecto caeu nun sospeitoso silencio administrativo”.
Sonia Fraga, Pascual Doménech e Remedios López queren explicarlle á poboación de Burela varias cousas:
1º-“No DOG nº58 do 26 de Marzo do 2010 publícanse as bases reguladoras dos programas de obradoiro de emprego no ámbito da comunidade autónoma de Galicia que teñen como finalidade actividades relacionadas coa recuperación ou promoción do patrimonio histórico, artístico, cultural ou natural, e coa rehabilitación de entornos urbanos ou do medio ambiente; e dan prioridade ao carácter innovador do proxecto cunha valoración de ata dez puntos, tendo en consideración a súa incidencia en novos viveiros de emprego. Lembrar que nós solicitamos un obradoiro de redeiras que sería o primeiro en Galicia resaltando que a pesca é un dos inxectores da economía da Mariña,  e que grazas a este sector conséguense importantes ingresos económicos e turísticos que fan que a Mariña Lucense se desenvolva e medre. Ao mesmo tempo, existe un déficit de titulacións de formación integral das tripulacións dos barcos pesqueiros de altura, de litoral e de cabotaxe, tanto na sección de ponte, de máquinas ou de redeiras necesarias para poder sacar o barco ao mar”.
2º-“Tamén se valora na orde, que as subvencións de obradoiro de emprego configúranse como un programa mixto que combina accións de formación e emprego que van dirixidas a mellorar a ocupación das persoas desempregadas,  coa finalidade de facilitar a súa posterior integración ao mundo laboral. Recordar que segundo os datos do paro facilitados pola Consellería de Traballo e Benestar, Burela no mes de xuño ten 532 parados, e en cambio concedese un obradoiro de emprego a Ourol con 56 parados e outro a Cervo con 228. Dende logo a calidade deses proxectos, atendendo ás actuacións que se van a realizar e á súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional do alumnado-traballador, valorado ata quince puntos, deberon ser excepcionais. Ou será tamén que teñen un carácter innovador, polo menos no título: Ourol Natural e Terras de Azul Cobalto. Convén lembrar que a nosa intención tamén era facilitar un asesoramento para a formación dunha cooperativa e ofrecer ese traballo aos armadores de A Mariña que teñen que desprazarse ata as Rías Baixas para coser as súas redes”.

3º-“Recordar tamén que dende o cambio de goberno na Xunta concedéronse cinco obradoiros de emprego na comarca da Mariña: Recunchos de Xove con alcalde do PP, II Obradoiro de Emprego do Concello do Vicedo, con alcalde do PP, Val de Lourenzá, con alcalde do PP, e os xa ditos de Ourol e Cervo, tamén con alcaldes do PP. Isto nos leva a sospeitar que pertencer a un partido tamén puntúa nos criterios de valoración, ou que o partido que sustenta o goberno autonómico está utilizando un sistema clientelista de compra de vontades, actuando como verdadeiros Reis Magos. Non esquecendo que dentro dos concellos gobernados polo Partido Popular, tamén existen diversos grados de connivencia, xa que algúns reciben sempre e outros nunca, debido a cuestións “internas” do partido que nada teñen que ver cos principios de equidade e igualdade distributiva”.

4º-“O acto de gobernar, sen dúbida, esixe tomar decisións que non sempre son ao gusto de todos mais debemos procurar que nelas rexa o sentido común e estudar as consecuencias que un reparto motivado por criterios de favoritismo político e non de representatividade, pode carrexar á maioría dos cidadáns. É intolerable facer campaña aos alcaldes do PP con fondos públicos, o cal conleva que a distribución destes fondos sexa unha cacicada digna dun reparto arbitrario e sectario. Este reparto, está totalmente falto de rigor e ademais é opaco, xa que non se realiza dentro duns criterios democráticos, que cumpran as leis e non deixan de lado outros procedementos pouco transparentes, xa que non todos os Concellos de A Mariña tiveron as mesmas oportunidades para acceder a un diñeiro que nestes tempos de crise é tan necesitado por todos os municipios. Solicitamos que a cor política non sexa criterio principal de adxudicación, xa que esta actuación da Xunta e  do Partido Popular a quen realmente perxudica é aos cidadáns mariñáns, e desemboca nunha total falla de proporcionalidade que deturpa os obxectivos das axudas, malversa recursos públicos en función do interese partidista e é gravísimo que concellos cunha alta taxa de desemprego non reciban ningunha axuda,  mentres outros as reciben de forma totalmente desproporcionada. Esiximos tamén a publicación dos criterios de avaliación, e de non facelo, sería unha desvergoña por quen nos goberna en Galicia, e faltaría aos principios xurídicos de pluralismo político e igualdade entre todos os galegos, xa que se malgasta o diñeiro de todos, non o do PP”.

Exit mobile version