Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela dispón do primeiro campo de herba artificial de A Mariña

BURELA (FNC) .- A concelleira de Deportes, Neves Cando, agarda que en agosto xa se poida utilizar o campo de herba artificial da Marosa. A edil nacionalista estima que en dúas semanas as obras estarán rematadas.

Cando dixo que “desde a Delegación de Deportes estivemos facendo ao longo destes meses o seguimento das obras do campo de herba artificial da Marosa e agora podemos anunciar que no prazo de dúas semanas os traballos concluirán”. A responsable de Deportes suliñou que “o máis costoso foi levantar os muros de contención que rodean o campo pola zona que está pegada á estrada que vai a San Cibrao, pero xa feito esto procedéuse a montar o sistema de drenaxe e evacución de augas pluviais que funciona perfectamente, tal e como puidemos comprobar despois das terribles chuvias que caeron en Burela a principios do pasado mes de xuño. A partires de aí e desde hai un par de semanas colocáronse xa no chan as láminas modulares de polietileno, a capa elástica prefabricada e agora xa remataron de colocar o céspede de herba artificial. Xa para concluir queda pendente o valado perimetral e o equipamento básico para poder xogar. Lembremos que van ser dous campos de fútbol sete e un campo de fútbol once”.

A edil nacionalista lembrou que “toda esta obra supuxo actuar nunha superficie de máis de 7.000 metros cadrados e contou cun orzamento de 636.339 euros, do que o Concello aportará 99.000 en virtude do convenio que asinamos hai dous anos coa Xunta de Galicia. Agora agardamos que, unha vez resoltos os trámites administrativos de fin de obra e que estea entregada ao Concello, xa no mes de agosto poidamos disfrutar desta nova instalación deportiva en Burela, a primeira en toda A Mariña”. Cando apuntou que “este proxecto foi un compromiso do Bloque Nacionalista Galego co fútbol de Burela e agora poderemos velo cumprido, non como o PP que en 12 anos non foi capaz de dotar a Burela dun campo de fútbol de herba artificial como este”.

Exit mobile version