Site icon Crónica3.com A Mariña

Di o PP de Foz que aos nacionalistas atragóaselles que sexa o PPdeG quen poña en marcha as melloras sanitarias

Nota de Prensa

Os populares sorprendidos porque o BNG acolla de mal agrado unha noticia tan positiva como a dotación seis meses antes do previsto da ambulancia medicalizada

Aos nacionalistas atragóaselles que sexa o PPdeG quen poña en marcha as melloras sanitarias que o bipartito estivo negándolle a Foz

* O BNG non está lexitimado para falar de sanidade, porque todo o  que prometeron nunca o cumpriron

Foz, 07 de xullo de 2010.- O portavoz dos populares focenses, Pedro Fernández Manín, está convencido de que aos nacionalistas atragoóuselles o feito de que sexa o PP de G quen poña en marcha as melloras sanitarias que o bipartito estivo negándolle a Foz durante a pasada lexislatura. Deste xeito interpretan as críticas da formación nacionalista quen no día de onte, sorprendentemente, acolleu de mal agrado unha noticia tan positiva para o conxunto da veciñanza como é a dotación, seis meses antes do previsto, da ambulancia medicalizada.

Os populares entenden que o investimento de preto dun millón de euros que a Xunta achegou para poñer en marcha este servizo de atención médica urxente, beneficia dun xeito directo aos veciños de Foz. Neste senso lembran que a UVI-móbil “terá a súa base no Centro de Saúde da nosa vila, onde ofrecerá unha atención preferente” e que negar esta realidade é tanto como dicir algo tan ridículo como que “os veciños de Burela non se están a beneficiar de ter ao carón das súas casas o Hospital da Costa, porque o  ámbito de influencia  deste centro sexa  o  conxunto da  comarca”.

Finalmente os populares subliñan que ante a veciñanza, o BNG perdeu toda credibilidade e lexitimidade para falar de sanidade, porque se algo teñen claro e que neste ámbito,  como noutros moitos, “todo o que prometeron e confirmaron por escrito aos veciños/as de Foz, nada  cumpriron, e sobre as súas costas pesa o esquecemento de catro anos de Goberno bipartito”. Mentres que agora, unha vez que o PP cando  chegou á responsabilidade de goberno na Xunta “prometemos unha ambulancia medicalizada e hoxe é unha realidade e prometemos o reforzo durante o verán dos médicos  de familia do Centro  de Saúde, para evitar o seu colapso, e hoxe tamén temos cumprido con este compromiso grazas a que o SERGAS dispuxo  dun doutor de reforzo”

Exit mobile version