Site icon Crónica3.com A Mariña

Fariseos do patrimonio

Segundo parece toparse coa verdade e coa xustiza está a xogarlle unha mala pasada a un ex-concelleiro nacionalista de Viveiro, hoxe disfrazado de comprometido defensor do patrimonio da Mariña. A Francisco Luís Rodríguez Guerreiro non lle sentou nada ben ver o seu reflexo no espello da realidade, non atura que algúns denuncien a estratexia hipócrita de aquel que, malia que busca aparentar un compromiso pola defensa dos bens culturais e artísticos da nosa historia, remata por autorizar licenzas de construción de edificios -o ladrillo e cemento que tanto critica- que atentan dun xeito directo contra algo tan digno de protección como é o contorno da Igrexa de Covas.

Comezarei aclarándolle que quen puxo de relevo o seu comportamento incoherente foi o PP de Cervo, e non este deputado ao que increpa, mais en todo caso subscribo ao 100% o dito pola formación política da que formo parte e que de xeito tan atinado espiu do seu disfrace a este fariseo do patrimonio. Porque ademais me dá pé para facer unha serie de reflexións. Xa adianto que a diferenza de vostede, eu non vou entrar en descualificacións de índole persoal porque abundan os argumentos políticos, e cando deste lado hai razóns máis que suficientes sobran os insultos que, como os que el dirixe contra min, amosan o feble das súas razóns.

Que a Xunta de Goberno Local de Viveiro da que vostede formaba parte en 2006 cometeu unha agresión ao patrimonio histórico, non é unha opinión senón un feito. Corroborado ademais polo contido da sentencia do Tribunal Superior de Xustiza 560/2010, que acredita que a licenza para 200 vivendas no entorno da Igrexa de Covas que vostedes autorizaron amparándose no silencio administrativo, foi contraria á lei e vulnerou os informes negativos da Comisión Provincial de Patrimonio. Feitos polos que os maxistrados acordan –cito na súa literalidade- “remitir testemuña das presentes actuacións ao Fiscal ante a eventual comisión dun ilícito penal incardinable nos artigos 320 e 404 do código penal”, isto é, prevaricación e delictos de índole urbanística, todo, “por ter resolto ou votado a favor da súa concesión a sabendas da súa inxustiza”.

Non é este deputado senón o máis alto Tribunal galego quen realiza as devanditas afirmacións, e tamén son os seus maxistrados os que condenan ao Concello ao pago das costas xudiciais –un pago que poderían superar o millón de euros, esto sen contar que tamén terá que facerse cargo o propio Concello das indemnizacións por danos e prexuízos, que multiplicarían por sete a cantidade final a abonar e da devolución do montante percibido en concepto da licenza anulada-.

Sr. Rodríguez, malia que vostede pretende negalo, tamén é a Xustiza, -tal e como acredita o documento que acompaño, facilitado polo PP de Viveiro, que está personado como acusación particular na causa- quen establece a súa condición de imputado, como parte das dilexencias previas seguidas polo xulgado de primeira instancia de Viveiro. Tribunal que neste momento está a enxuizar os desatinos urbanísticos protagonizados polo Goberno municipal do que vostede formou parte, e máis en concreto, imputación que é resultado de autorizar novas licenzas para a construción de varios edificios que si existen, que están aí, e que todos poden ver, e sobre os que tamén recaían informes autonómicos negativos, por afectar ao entorno patrimonial e protexido, unha vez máis, da Igrexa de Covas.

Comprenderá por todo elo que non estamos dispostos a recibir leccións de vostede. Ademais en ningún ámbito: Non os recibimos cando falamos de política, onde por certo fracasou con claridade. Despois de 20 anos na oposición, a primeira vez que o BNG accede á responsabilidade do Goberno municipal, pola súa xestión, de tres concelleiros cos que contaba pasa a tan so un. Moi poucas leccións pode dar alguén que perde o 70% do seu electorado estando no Goberno… Pero tampouco ten lexitimidade para dar consellos no ámbito da defensa do patrimonio. Pois si algo está claro é que será a Xunta xestionada polo PP quen traballe pola conservación e posta en valor do Castro da Atalaia, algo que foi incapaz de facer en todo este tempo o Goberno bipartito e a Consellería de Cultura, a mesma que era da responsabilidade directa do BNG na pasada lexislatura.

Con cada dato, con cada feito, a conclusión é máis clara: O mellor que podería facer é dimitir como presidente de Mariña Patrimonio, Sr Rodríguez. Marcharse agora que está demostrado de xeito público e notorio que predica unha cousa e actúa diferente, que fai totalmente o contrario do que di. Non ten sentido algún que manifeste defender o patrimonio e despois autorice licenzas con informes na súa contra dos organismos autonómicos encargados de protexelo. Se non presenta a súa dimisión de inmediato como presidente deste colectivo nin vostede terá ningunha credibilidade, nin tampouco a propia asociación de cuxa dirección poida formar parte. Se non se marcha vostede a pesar do inapropiado da súa situación, da evidente reprobación que sobre o seu proceder fixo a Xustiza, deberían cesarlle de inmediato se non queren converterse en cómplices da súa actuación. Ou están do lado da Xustiza e da protección do patrimonio, ou o están do que se sirve del para facer política.

Exit mobile version