Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis talento, menos cemento

Estes días ven de se facer público un informe de Greenpeace referido á  degradación da costa no conxunto do Estado. Na súa décima edición, dito informe analiza e recompila os datos sobre a situación do litoral español. O urbanismo salvaxe, a construción de infraestruturas e a contaminación son, para Greenpeace, a causa do continuado deterioro da costa.

Hai datos máis que alarmantes. En Galiza, o litoral experimentou nesta última década as maiores recualificacións da súa historia. Asturias ocupa o terceiro lugar na destrución da súa costa. A referencia ao Mediterráneo omitímola por obvia. Aínda con sermos unha das comunidades con máis costa protexida, no 2007 había ata 800.000 vivendas proxectadas nos 86 municipios costeiros. Por se fora pouco, ese dato supón, ademais, duplicar as 816.000 casas construídas ata ese ano.

O noso país incorporouse ao proceso urbanizador con certo retraso con respecto ao conxunto do Estado. E fíxoo copiando modelos fracasados no Mediterráneo, e que ademais non respondían á idiosincrasia da nosa orografía nin á nosa maneira de organizarmos o territorio.

Na Mariña lucense este impacto non foi, ata hai ben pouco, tan visíbel como noutras zonas da costa galega. Os ritmos económicos da nosa comarca tamén influíron niso. E por terceira vez semella que queremos seguir tropezando na mesma pedra. Especular con que os inspectores urbanísticos pasaron por aquí, ou non, non ten moito sentido. Quedou ben claro nas declaracións realizadas no xulgado número 1 de Mondoñedo no procedemento de dilixencias previas aberto a partir da denuncia do fiscal provincial por un presunto delito de prevaricación urbanística contra o actual alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga e os tres concelleiros da comisión de goberno no ano 2006, así como a arquitecta municipal. Non é ese o xeito de proceder. Os inspectores urbanísticos traballan en base aos expedientes que lles remiten desde os concellos; sacan conclusións e despois proceden, de ser pertinente, á inspección sobre o terreo. Que o PP mariñán nos queira facer crer agora que a denuncia do fiscal é froito dunha trapallada dos inspectores reflicte que é ben certo que fai falta máis talento e menos cemento.

Farruco GRAÑA

Exit mobile version