Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG celebra o 23 de Xullo o Día da Patria na Pontenova

NOTA DE PRENSA:
O BNG celebra o 23 de Xullo o Día da Patria na Pontenova.

O Bloque Nacionalista Galego vai celebrar o vindeiro Venres 23 de Xullo ás 21:00 h un acto público no Hotel San Briz da Pontenova aberto a toda a poboación do Concello no que participaran Francisco Rodríguez (Executiva do BNG), Federico G. Estoa (Alcalde de Riotorto) e Mónica Rancaño (C.Local do BNG) co fin de explicar a significación política do Día da Patria Galega.

Os nacionalistas consideran que esta edición do Día da Patria Galega significa a apertura dun novo curso político que vai supoñer o asentamento da alternativa nacionalista nos Concellos da Comarca de Meira, na medida que teñen o convencemento de que nas municipais do vindeiro ano, a maiores de manter as posición naqueles Concellos onde ten a Alcaldía, vai representar a volta do BNG as corporacións de Meira e A Pontenova. “O nacionalismo vai ser determinante na vida política do Concello da Pontenova” afirmou Rancaño quen destacou “o aumento de apoios do BNG na Pontenova e a sintonía do nacionalismo coa cidadanía do Concello”.

Na mesma liña Rancaño indicou que a actual situación política que esta marcada por unha situación de crise económica obriga aos Concellos a definir con clareza as prioridades de gasto, e nese sentido determinar con claridade, porque se aposta. “Os nacionalistas poñemos por diante de todo as persoas, particularmente quen máis o precisa, polo que é necesario impulsar o gasto social. Non é tolerábel que os Gobernos Locais operen de marionetas da administración central ou autonómica, executando recortes e deixando aos veciños tirados”, recalcou Rancaño.

Os nacionalistas da Pontenova que acudiran este ano a manifestación do Día da Patria Galega quixeron convidar aos veciños de participar da marcha que o nacionalismo convoca para o 25 de Xullo e nesa liña anunciaron que haberá autobuses que saíran da Pontenova o mesmo 25 e que retornará no día. A Portavoz Nacionalista afirmou que a xornada deste ano pretende ser un “clamor popular en demanda dun novo estatuto de nación para Galiza, que modifique o marco das relacións entre o noso País e Estado e que permita dotarnos que nos protexan, precisamente en momentos de crise económica. Un novo Estatuto de Nación é fixar tamén un novo marco de financiamento para Galiza, un aumento das inversións no noso País, en definitiva e un instrumento xurídico político para combater a crise”

O Bloque Nacionalista Galego indicou que as políticas que está a levar adiante o Goberno do Estado en materia de política económica deixa sen alternativa ao Partido Popular. “Malamente Rajoy pode poñer enriba da mesa políticas alternativas ás de Zapatero, posto que Zapatero apuntouse ao receitario económico da dereita máis reaccionario” destacou Rancaño quen defendeu “que só o BNG defende unha alternativa diferente a crise que non pase por salvar á banca e transferirlle o custo das súas falcatruadas aos traballadores e as arcas públicas”.

Exit mobile version