Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz convida aos focegos a “Festa do chicharro lañado”

Nota de Prensa

O BNG convida a todos os focegos a participar da tradicional festa Foz celebra o 31 de xullo a Festa do Chicharro Lañado.

Este sábado 31 de xullo o Bloque Nacionalista Galego vai celebrar en Foz a XVII edición da súa tradicional Festa da Patria coa que se pon remate ao conxunto de actos que os nacionalistas viñeron realizando na Comarca da Mariña para celebrar o Día da Patria Galega. Nesta ocasión o acto dos nacionalistas vai contar coa presenza do deputado autonómico Fernando Blanco e do deputado provincial Antonio Veiga, que dirixirán unhas palabras aos asistentes.

Ao igual que noutras ocasións a romaría celebrarase na explanada do Porto, xunta a lonxa, e dará comezo ás 19:00h contando neste acto coa participación dos grupos de gaitas da Subela e máis do Feitizo que animaran a xornada. Neste ano xunto a tradicional oferta gastronómica organizaranse actividades para os máis cativos desde o inicio da xornada.

Como xa ven sendo norma o prato forte desta xornada festivo – reivindicativa o BNG vai preparar máis de 1.000 racións de chicharro lañado con cachelos, liscos, chourizos e viño. Non é casual que é os nacionalistas aposten polo chicharro lañado, posto que se trata dun prato característico da dieta do cantábrico galego, así como polas significacións que o chicharro ten para o conxunto dos focegos e da xente da comarca. Non debemos esquecer que o chicharro foi o principal sostén alimentario da mariña costeira nos anos da postguerra. Poren a nosa aposta polo chicharro lañado responde a poñer en valor a especificade da nosa dieta que é o que realmente nos diferencia e nos é propio en relación con outros territorios galegos no plano gastronómico.

Asemade esta aposta polo chicharro lañado, pesquería na que destacan aínda hoxe as nosas tarrafas do cerco, ten moito haber coa recuperación do noso pasado mariñeiro e a posta en valor dun producto do mar tan característico da nosa zona. Mais o vencello do chicharro con productos da terra como o touciño e os chourizos tamén simboliza en boa medida o que é Foz como mestura de mar e terra. O feito de que esta xornada coincida cun momento de fonda crise económica que está a provocar graves consecuencias no sector primario, nomeadamente no agro e na pesca, dálle unha especial significación, polo que pretende ser tamén unha xornada reivindicativa en apoio de dous sectores productivos centrais da nosa economía.

O feito de que esta xornada se manteña ao longo destes dezasete anos evidencia de que se trata dunha festa de todos os veciños de Foz e da Mariña e así se explica a implicación de todo o pobo xa non na xornada festiva senón na preparación da festa gastronómica. Tanto é así que o BNG quere agradecer por adiantado a todas aquelas persoas que colaboran lañando ou asando o chicharro. A xente de Foz quere seguir lañando chicharro e non “pasando jurel por sal muera”, polo que do mesmo xeito que esta festa é unha reivindicación do patrimonio gastronómico que nos é propio, tamén pretende ser unha afirmación do noso patrimonio lingüístico propio fronte aos intentos de xenocidio lingüístico por parte do Goberno de Feijoo.

Xa por último o BNG quere convidar a todos os veciños de Foz e da Mariña a acudir a explanada do Porto este Sábado 31 de xullo a partir das 19:00 h a degustar chicharro lañado e a celebrar con nós esta tradicional romaría do verán focego.

Exit mobile version