Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP interesase no Parlamento por unha sentencia xudicial que anula a licenza para 200 vivendas en Covas

NOTA DE PRENSA

O Alto Tribunal galego condena ao pago das costas xudiciais á administración local (estimadas en 1,3 millóns de euros) e remite as actuacións á Fiscalía ante a presunta comisión dos delictos de prevaricación e dun ilícito penal sobre ordenación do territorio que serían imputables aos membros da Xunta de Goberno Local que concedeu a licenza

O GRUPO POPULAR PREGUNTA NO PARLAMENTO SOBRE AS CONSECUENCIAS DA SENTENCIA DO TSXG QUE ANULA UNHA LICENZA PARA 200 VIVENDAS EN COVAS OUTORGADA EN  2006 POLO GOBERNO MUNICIPAL BIPARTITO DE VIVEIRO

* A Xustiza censura que o Goberno presidido polo socialista Melchor Roel outorgara por silencio administrativo esta licenza, pese a que no expediente faltaba documentación técnica do proxecto, existían informes desfavorables e non se dispoñía do permiso autonómico preceptivo

* Os populares consideran que de ter o Concello que facer fronte ao pago da indemnización polo irregular proceder dos edís de Goberno estaría en perigo a viabilidade económica das arcas municipais, pois os 7,6 millóns de euros fixados supoñen máis da metade do orzamento ordinario deste concello.

Viveiro, 13 de xullo de 2010.- Os deputados Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao e Román Rodríguez veñen de presentar no Parlamento de Galicia iniciativas nas que se interesan polas consecuencias da sentencia do  Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula unha licenza para 200 vivendas no  lugar de Coído (Covas), outorgada en decembro de 2006 polo Goberno municipal bipartito.

INFORMES NEGATIVOS

Con esta resolución xudicial a Xustiza censura que a Xunta de Goberno Local presidida polo socialista Melchor Roel (e da que tamén formaba parte o edil nacionalista Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, ademais doutros concelleiros do PSOE) outorgara empregando a fórmula do silencio administrativo esta licenza de construción. De xeito concreto, o TSXG cuestiona que se adoptara este acordo a pesar de que no expediente faltaba documentación técnica do proxecto, existían informes desfavorables dos técnicos municipais e non se dispoñía do permiso autonómico preceptivo. De feito a decisión do Goberno municipal desprezaba un  informe da Consellería de Cultura, emitido o 3 de novembro de 2006, desfavorable ao outorgamento desta licenza.

O fallo do Alto tribunal galego non se queda aí, xa que ademais de establecer que non cabe recurso ordinario contra el condena ao pago das costas xudiciais á administración local (estimadas en 1,3 millóns de euros) polo que terán que ser os veciños de Viveiro quen paguen cos seus impostos e taxas municipais as  irregularidades protagonizadas  polo alcalde e a súa Xunta de Goberno de entonces.

O TRIBUNAL APRECIA A EVENTUAL COMISIÓN DE ILÍCITOS PENAIS

Unha das cuestións máis salientables que quixeron subliñar os deputados populares é que o propio TSXG considera que os feitos analizados poderían ser constitutivos de ilícito penal. Así, os maxistrados acordan remitir as actuacións á Fiscalía “ante a eventual comisión” de delictos de prevaricación e contra a ordenación do territorio que serían imputables aos membros da Xunta de Goberno Local que outorgaron a licenza.

Segundo consta na acta do 4 de decembro de 2006, -que pode ser consultada na web municipal- os que irregularmente acordaron o outorgamento desta licenza son Melchor Roel Rivas, Jose Luis Docampo Fortes, Cesar Ricardo Naval Parapar, Rafael Luis Fernández Amor, e o nacionalista Francisco Luis Rodríguez Guerreiro. Os populares salientan precisamente a participación deste último, o ex-edil nacionalista, nos feitos descritos xa que estamos a falar dunha persoa relacionada coa asociación Mariña Patrimonio, que presidiu durante anos. “A pesar de que desde a asociación pretenden dar leccións sobre protección dos bens de interese patrimonial, resulta que el mesmo despreza esta cuestión e outorga unha licenza con informes do departamento de Patrimonio da Xunta negativos”.

QUEBRA DA FACENDA MUNICIPAL

Con todo a circunstancia que con máis preocupación observan os deputados do PPdeG, son as consecuencias de tipo económico ás que podería dar lugar a sentencia. De feito, de ter o Concello de Viveiro que facer fronte ao pago da indemnización que reclama o denunciante polo irregular proceder dos edís do Goberno municipal bipartito estaría en evidente perigo a viabilidade económica das arcas municipais e, polo tanto, perigaría non só a prestación dos servizos básicos que ofrece o Concello senón tamén incluso o pago a provedores, empresas e das propias nóminas do cadro de persoal.

Balseiro Orol e Álvarez Chao explicaron que a indemnización prevista –unha cantidade que o TSXG estima en 7.627.530 euros- supón máis da metade do orzamento ordinario do concello que no seu último ano aprobado (2008) ascendía a 13,4 millóns de euros. Cómpre subliñar tamén que desde entón o Goberno municipal non presentou ningún novo orzamento nin rendeu contas ante o Pleno municipal polo cómputo de ingresos e gastos previstos.

NOVAS SENTENZAS NEGATIVAS

Finalmente os  populares subliñaron que a licenza sobre a que recaeu a sentencia do TSXG non é a única que está a ser obxecto de controversia xudicial e investigación fiscal. Son moitas máis as que o Goberno municipal de Viveiro outorgou empregando a fórmula do silencio administrativo, presumiblemente para evitar o efecto da suspensión de planeamento que durante esas datas impedía ao Concello outorgar novas licenzas de construción. Ademais tamén nestes casos existen informes xurídicos e urbanísticos dos técnicos municipais contrarios ao seu outorgamento e, incluso, se outorgaron algunhas sen a autorización da Administración autonómica alí onde era obrigatoria. Esto supón que de ser  anuladas, poderían de novo ser preciso indemnizar ás empresas ás que o Goberno municipal lles outorgou as licenzas, así como aos denunciantes, empeorando aínda máis a xa de por si delicada situación económica do  Concello de Viveiro.

Exit mobile version