Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP interesase pola emisión de informes negativos sobre obras en Barreiros que non foron visitadas por inspectores

NOTA DE PRENSA

Foi o director xeral de Urbanismo do bipartito quen ordenou o inicio das actividades inspectoras en Barreiros e mentres que as primeiras visitas ao concello tiveron lugar no ano 2008, a inmensa maioría dos recursos contra as licenzas neste municipio lucense foron realizadas con anterioridade  a esta data

O GRUPO POPULAR PREGUNTA  NO PARLAMENTO POLA EMISIÓN DE INFORMES NEGATIVOS SOBRE OBRAS EN BARREIROS QUE NIN TAN SEQUERA FORON VISITADAS POLOS INSPECTORES ANTE AS SOSPEITAS DE DIRIXISMO POLÍTICO

* Esta manifesta irregularidade pon de relevo que o proceder dos altos responsables da administración autonómica na pasada lexislatura estaba baseado máis en criterios de oportunidade e persecución política que en fundamentos técnicos rigorosos desde o punto de vista da legalidade urbanística.

* Balseiro cualifica de comportamento “inaceptable e caciquil” o uso político dos servizos de inspección ante unha problemática que xurdiu por unha denuncia do  BNG

A Mariña, 9 de xullo de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular vén de rexistrar na Cámara galega unha serie de iniciativas despois de coñecerse que os inspectores da Xunta, na pasada lexislatura, emitiron informes técnicos negativos sobre obras do concello lucense de Barreiros sen tan sequera visitalas, sen ter a oportunidade de comprobar persoalmente e in situ as parcelas sobre as que estaban proxectadas as edificacións.

Os autores da iniciativa que encabeza o deputado Jose Manuel Balseiro Orol subliñan que este proceder “canto menos pouco rigoroso, por non chamalo directamente irregular” permite sospeitar que estamos ante un caso claro de “dirixismo político”. Unha idea que cobra forza despois de coñecerse que foi o propio director xeral de Urbanismo do bipartito, Ramón Lueje, o que ordenou o inicio das actividades inspectoras en Barreiros e que mentres que as primeiras visitas ao concello dos órganos de inspección tiveron lugar no ano 2008, a inmensa maioría dos recursos contra as licenzas foron realizados con anterioridade a esta data.

A  imaxe de dirixismo político estaría ademais fundamentada en outro feito: a denuncia contra a situación urbanística de Barreiros parte dun grupo político, o BNG, que por aquel entonces formaba parte da responsabilidade de Goberno da Xunta

“Estes feitos veñen a por de relevo que o proceder  dos altos responsables da administración autonómica na pasada lexislatura estaba baseado máis en criterios de oportunidade e persecución política que en fundamentos técnicos rigorosos desde o punto de vista da  legalidade urbanística”- conclúen os populares na súa exposición de motivos.

COMPORTAMENTO INACEPTABLE E CACIQUIL

Balseiro cualificou de “comportamento inaceptable e caciquil” que o bipartito empregara os servizos de inspección urbanística da Xunta como arma de confrontación institucional e considerou claramente inapropiado que desde instancias políticas se lles force aos inspectores a realizar unha serie de informes sen polo menos darlles a oportunidade de visitar as obras sobre o terreo.

Neste senso emprazou ao PSOE e á anterior conselleira de Política Territorial, hoxe deputada desta formación política, a dar as explicacións oportunas por estes feitos que non só tiveron como resultado consecuencias moi negativas pola parálise do desenvolvemento urbanístico nesta zona senón que ademais prexudicaron dun xeito evidente a moitos veciños deste municipio.

PROCESO VICIADO DE ORIXE

A Xunta bipartita durante a pasada lexislatura iniciou medio cento de expedientes sobre licenzas de construción de vivendas outorgadas polo Concello de Barreiros. Desde a administración, xestionada por aquel entón por PSOE e BNG, reclamouse a anulación destas autorizacións, chegando incluso a interpoñer diversos recursos contenciosos nos xulgados que agora son obxecto de discusión despois de coñecerse estas e outras irregularidades que evidencian un uso político da función inspectora da Xunta, imputable exclusivamente aos cargos do bipartito. En todo caso poderíamos estar ante un proceso “viciado desde a súa orixe”

Exit mobile version