Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP usa a ambulancia medicalizada para tapar as súas vergoñas en Sanidade, asegura o BNG de Foz

Nota de Prensa

O BNG DE FOZ AFIRMA QUE A AMBULANCIA MEDICALIZADA É USADA POLO PP PARA TAPAR AS SÚAS VERGOÑAS EN SANIDADE

“A ambulancia é unha conquista da loita e da mobilización social” afirma Basanta.

Foz, 6 de xullo de 2010.- O BNG de Foz critica o uso partidista e demagóxico que está facendo o PP coa dotación da ambulancia medicalizada. En primeiro lugar hai que deixar claro que a ambulancia medicalizada era algo que xa estaba contemplado para a Mariña, como desde hai tempo existen noutras moitas comarcas. Polo tanto, o PP debería deixarse de confundir á xente facéndolle crer que é un servizo para Foz cando o que teña a súa base na nosa localidade non quere dicir que sexa un servizo exclusivo de Foz senón que é un servizo para toda a Mariña, desde O Vicedo ata Ribadeo. En segundo lugar, a dotación para a comarca deste servizo non pode distraer a atención doutras necesidades esenciais que a Mariña ten en atención sanitaria, comezando polo mantemento dos servizos e a ampliación do Hospital da Costa e continuando pola dotación de recursos humanos e materiais dos centros de saúde.

Desde o BNG local temos claro tamén que este anuncio non pode tampouco tapar a negativa do goberno do PP na Xunta a implantar un servizo de urxencias de 24 horas no Centro de Saúde de Foz. O PP está claro que por razóns exclusivamente políticas nunca quixo as urxencias para Foz desde cando se lle negou o PAC polo goberno Fraga. Aínda non escoitamos ningunha razón convincente para que unha localidade tan importante como Foz (a segunda en poboación da Mariña) quedase sen PAC. “Esto sería realmente o que todos os veciños e veciñas de Foz celebrariamos con verdadeira satisfacción: o servizo de urxencias” declara o portavoz municipal do BNG, Xan Carlos González Basanta.

Na pasada lexislatura, cansámonos de escoitar ao Sr. Balseiro e o PP local falar do servizo de urxencias para Foz e de levar iniciativas ao Parlamento para que se implantara. Agora calan a boca e todo está ben. Por eso, desde o BNG xa dixemos que “só o voto favorable do Sr. Balseiro e do PP ao servizo de urxencias para Foz lle daría algún crédito. Mentres nin el nin os populares da Mariña teñen ningunha autoridade para falar da sanidade en Foz”, afirmou González Basanta.

O BNG ten moi claro que a ambulancia medicalizada –como outros servizos que se puxeron no Centro de Saúde de Foz- son obra das mobilización sociais que se teñen dado e se dan en defensa da sanidade pública e da mellora dos servizos sanitarios. Como tamén somos conscientes de que esa será a única maneira de parar a descarada política privatizadora e de desmantelamento dos servizos sociais que o PP está practicando desde que accedeu ao Goberno da Xunta.

Exit mobile version