Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo a Xunta están rematados o 95% das obras de reparación das riadas

RIBADEO.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe o concello de Ribadeo para comprobar o marcha dos traballos de recuperación de varias pontes que resultaron danadas polas inundacións de mediados de xuño.

Acompañada por responsables de empresas vencelladas aos traballos que se están a realizar, a representante do Executivo galego puido comprobar in situ que “as tarefas de limpeza de ríos están practicamente rematados, posto que foron concluídos, segundo indican os técnicos, o 95% dos mesmos, e está xa completada a metade da reordenación dos canles fluviais da zona”, expuxo Arias.

Dentro das actuacións previstas no municipio ribadense inclúense as obras nas pontes de Soto, Misericordia e Guadalupe, procedéndose en primeiro lugar á limpeza do leito do río Grande –co fin de eliminar o perigo de novos desbordamentos- para abordar despois a recuperación das marxes.

Estas obras forman parte do conxunto de actuacións que acomete a Xunta de Galicia dentro das medidas urxentes adoptadas para a reposición de elementos de infraestrutura danados polas inundacións sufridas na Mariña.

O Executivo galego, inviste en total preto de 5 millóns de euros nestes traballos, que afectan principalmente a estradas e pontes e aos leitos dos ríos que discorren pola Mariña lucense, e en axudas para os veciños que se viran afectados pola perda de enxoval doméstico ou destrozos sufridos en vivendas.

Para esta última partida, Arias recordou que o decreto para adherirse a estas achegas foi publicado no DOG o pasado 5 de xullo “e dende o día seguinte os veciños xa están a presentar as súas reclamacións, que oscilan entre o 40% e o 100%, segundo a propiedade afectada”. O prazo de presentación das peticións de axudas remata o 6 de agosto.

Polo que respecta ás actuacións en espazos públicos, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Ente Público de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) inviste 1.510.978 euros en actuacións directas de emerxencia de inmediata execución para resolver as incidencias provocadas polas inundacións dos días 9 e 10 de xuño. As obras realízanse nos concellos lucenses de Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro, así como no municipio coruñés de Ortigueira.

Os traballos consisten na “retirada de atascos, acarreos e escombros dos canles dos ríos, reposición de pontes e obras de drenaxe, reforzo das marxes, reparación de pistas e camiños e outros elementos –como lavadoiros e fontes-, e o estudo de encauzamentos en tramos urbanos”, segundo indicou a delegada territorial, que destacou que o inicio da maioría tarefas “desenvolveuse de inmediato”, trala valoración dos danos.

Entre outras actuacións, cabe destacar que en Barreiros plantéxase a demolición dalgunhas pontes colapsadas ao paso do río Barranca para a súa posterior reposición. Igualmente, está a ser acondicionado o paseo fluvial da Ruta dos Muiños, en Xove, mentres en Viveiro actuarase sobre os ríos As Nogueiras e Valcarría.

Así mesmo, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, destina 200.000 euros á concesión de axudas para danos nos establecementos comerciais e infraestruturas enerxéticas de titularidade municipal provocadas polo temporal. Deste xeito, o Executivo galego da cobertura tamén aos problemas xerados no ámbito do sector do comercio retallista e demais sectores mercantís.

Do mesmo xeito, a través da Consellería de Cultura e Turismo, os establecementos turísticos da zona recibirán axudas para sufragar os danos causados polas riadas. Para esta liña, a Xunta aprobou destinar unha partida inicial de 200.000 euros.

Reposición de estradas

Por outra banda, a Xunta tamén destinou unha parte do investimento á restauración de estradas da rede autonómica. As choivas provocaron numerosos derrubamentos sobre as vías, obrigando a realizar con urxencia proxectos de estabilización de noiros de desmonte e incluso estudos xeotécnicos que aconsellen as actuacións a executar.

Como primeira medida, foron retirados os materiais desprendidos dos noiros e tamén se limparon as calzadas e as cunetas, así como as obras de drenaxe transversal, retirando os arrastres depositados polas choivas.

Despois de repoñer a funcionalidade e a vialidade das estradas, neste momento só é necesario circular con precaución no punto quilométrico 12,300 da LU-133, que une Vilamar (Barreiros) e Reme (Ribadeo), ao terse ocasionado un estreitamento da plataforma como consecuencia do deslizamento do noiro. Ademais, neste punto reparouse a tubaxe de abastecemento de auga a varias parroquias do concello de Ribadeo. O estreitamento está convenientemente sinalizado e analízase a posibilidade de construír un muro de escollera de grandes dimensións que conteña o noiro e o protexa da acción do río.

Noutros puntos da rede viaria da Mariña tamén se contempla a restitución dos noiros de terraplén deslizados, o afianzamento da súa estabilidade e a execución de pequenos muros de escollera.

Colaboración coas administracións locais

A máxima representante do Executivo galego na provincia reiterou a necesidade de que “tódalas administracións se sumen e valoren conxuntamente nunha mesa as medidas precisas a levar a cabo. Deste modo, poderíanse promover as tramitacións de xeito máis eficiente, áxil e cómodo para os cidadáns e os concellos afectados polas riadas”.

Arias fixo fincapé en que os danos afectaron en moitos casos a dotacións e servizos de titularidade dos, aos que “nun momento como o actual lles resulta complicado actuar, polo que son as administracións máis importantes as que deben apoiar decididamente. Isto é o que está a facer a Xunta, colaborando en obras máis aló do seu ámbito competencial para, ao final, favorecer aos veciños da Mariña”.

Neste sentido, a delegada territorial lamentou que a visita da ministra de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, Elena Espinosa, “non teña deparado por parte do Goberno central a colaboración que necesitan os concellos e os cidadáns da comarca. Unha colaboración por riba das súas competencias que si está a desenvolver o Executivo galego”. Esta situación “ven a demostrar, lamentablemente, que a visita dun representante do Goberno estatal non foi máis que un paseo en helicóptero que non serviu para sensibilizarse coas necesidades da comarca”.

Exit mobile version