Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 19 mil persoas visitaron as aulas móbiles de Lug02

LUGO .- A Deputación cifra en preto de 19 mil persoas as que visitaron as aulas móbiles de Lug02 que promocionan as Reservas da Biosfera. As tres aulas que a Deputación está a desenvolver refórzanse coas 4 móbiles que están a percorrer todos os municipios do ámbito de actuación
Nota de Prensa
Preto de 19.000 persoas visitaron as aulas móbiles de Lug02 que promocionan as Reservas da Biosfera

– Gómez Besteiro e o Alcalde de Fonsagrada inauguran a Aula de Interpretación da Natureza que o organismo provincial puxo en marcha no municipio da Montaña, e cuxa temática versa sobre a Reserva Eo-Oscos-Terras de Burón

– É a segunda que entra en funcionamento das tres previstas pola Deputación. A de Folgoso do Courel abrirá a súas portas co inicio do curso universitario

– A Deputación destina nestes tres últimos anos máis de 100.000 euros a 17 obras veciñais de Cervantes

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio González, inauguraron este xoves a Aula de Interpretación da Natureza que o organismo provincial puxo en marcha neste municipio dentro do programa europeo Lug02, co-financiado nun 70% por fondos FEDER. Esta é a segunda que entra en funcionamento das tres previstas pola Deputación no marco do programa medioambiental. A de Guitiriz foi inaugurada esta mesma semana polo Presidente e, a de Folgoso do Courel, que se ubica na Estación de Bioloxía que a USC puxo en marcha no munipio da Montaña, abrirá as súas portas coa entrada do curso universitario.

Gómez Besteiro subliñou que “en tan só catro días inauguramos dúas das tres aulas que poremos en marcha, e que forman parte dun proxecto co que demostramos que o medio ambiente é a oportunidade económica da provincia. Con estes centros poñemos en valor a grande riqueza medioambiental que temos e que foi decisiva para que hoxe máis do 55% da superficie de Lugo sexa Reserva da Biosfera”.

As tres Aulas que a Deputación está a desenvolver refórzanse coas 4 móbiles que están a percorrer todos os municipios do ámbito de actuación do programa e outros puntos de Galicia. Destas, unha e o Barco Muralla de Lugo, que esta mesma semana estivo en Fonsagrada e, as outras tres, son aulas acondicionadas en vehículos especiais. En total, 18.970 persoas visitaron estas dotacións coas que o organismo provincial dá a coñecer as Reserva da Biosfera e a comarca do Courel.

A embarcación, coa que a institución provincial reivindica a costa lucense, rexistrou dende xuño máis de 14.700 visitas. Durante o mes de agosto esta aula turístico-medioambiental continuará “surcando” a provincia para participar como “stand” da mesma en diversos eventos e citas ludico-festivas de 10 Concellos: Pontenova, Burela, Ribadeo, Castro de Rei, Muras, Meira, Portomarín, Pastoriza, Pol e Vilalba. Polo que se refire ás acondicionadas en vehículos especiais, estas percorreron dende o mes de marzo 230 poboacións, sendo visitadas por máis de 4.200 persoas.

A riqueza de Terras de Burón

Situada na parroquia fonsagradina de Paradanova, é unha aula rural na que predomina como tema principal a Montaña e as características orográficas e medioambientais do municipio. Neste senso, ofrece a todos os visitantes material divulgativo e equipos multimedia, ademais de actividades turístico-medioambientais que poñen en valor a riqueza natural da Reserva da Biosfera Río Eo-Oscos-Terras de Burón. Este espazo natural foi declarado pola UNESCO en 2007 e abarca 14 Concellos, 7 asturianos e 7 lucenses. Na parte da provincia de Lugo, a súa superficie é de 108.007 hectáreas e inclúe, ademais do municipio da Fonsagrada, os de Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, e Negueira de Muñiz.

O horario de atención ó público será de martes a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e o sábado e o domingo de 10:00 a 14:00 horas. O luns permanecerá pechada ó público.

Máis de 100.000 euros para as comunidades veciñais

O Presidente da Deputación tamén se desprazou ata o Concello de Cervantes, onde supervisou varias obras que o organismo provincial acometeu dentro do Plan de Comunidades Veciñais. Concretamente, comprobou as obras de mellora levadas a cabo na pista de Paderne e na fonte de Doiras. Gómez Besteiro subliñou que o actual equipo de goberno executa neste municipio da Montaña 17 actuacións que contaron cun investimento total de máis de 300.000 euros. Desta cantidade, o organismo provincial achega máis de 100.000.

As actuacións que a Deputación acometerá en 2010 foron aprobadas pola Xunta de Goberno o venres pasado. Son as seguintes: ampliación da instalación dun pararraios en Vilarello, construción dun muro de contención en Balgos, acondicionamento dun camiño en Padornelo e mellora do abastecemento de auga en San Miguel.

Exit mobile version