Site icon Crónica3.com A Mariña

Xove e Cervo iniciaron “unha liña de colaboración mutua” para manter os servizos que ofrecen os concellos

CERVO/XOVE .- O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciaron conxuntamente que as administracións locais ás que representan iniciaron neste mes de xullo unha liña de colaboración mutua co obxectivo de manter o nivel de servizos.

Nota de Prensa

Salgueiro e Villares abogan pola participación entre administracións como garantía  para o futuro dos municipios

CERVO E XOVE COLABORAN ENTRE SI PARA MANTER O NIVEL DE SERVIZOS QUE PRESTAN AOS SEUS CIDADÁNS

* O Club de Natación de Xove disporá dunha parte das instalacións da piscina municipal de Lieiro mentres a súa permaneza pechada por mantemento

* Cervo utilizará  a maquinaria de Xove para o adecentamento e adecuación dos areais do municipio

Cervo, 15 xullo de 2010.- Os alcalde de Xove e Cervo, Demetrio Salgueiro e Alfonso Villares respectivamente, anunciaron conxuntamente que ámbalas dúas administracións locais ás que representan iniciaron neste mes de xullo unha liña de colaboración mutua co obxectivo de manter o nivel de servizos que os dous concellos ofrecen aos seus respectivos cidadáns.

A colaboración entre os dous concellos consiste inicialmente na cesión por parte do Concello de Cervo do uso dunha parte das instalacións da piscina municipal de Lieiro ao Club Natación Xove xa dende este mes de xullo e durante o tempo que duren as tarefas de mantemento na instalación xovense. “É unha xestión que fixemos directamente dende o Concello e deste xeito o club non terá que verse obrigado a modificar a súa programación prevista, se non que trasladará a súa actividade habitual ás instalacións de Lieiro mentres non rematan os traballos de mantemento da nosa piscina” recalcou o primeiro edil xovense.

Como contraprestación á colaboración cervense o Concello de Xove cederá maquinaria da súa propiedade ao Concello de Cervo para levar adiante traballos de mantemento e mellora das praias e areais do término municipal. “Este tipo de axuda é fundamental para concellos pequenos coma o noso se queremos manter o nivel de coidados dos nosos areais para que veciños e visitantes podan gozar dunhas praias de calidade na época estival” recalcou Alfonso Villares.

Segundo indicaron os dous rexedores, a liña de axuda iniciada entre ámbolos dous Concellos non se quedará nesta colaboración puntual “se non que pretendemos que sexa unha relación fluída e longa na que os cidadáns dos dous municipios se podan beneficiar dos recursos e das infraestruturas dispoñibles nos dous concellos” indicaron.

Exit mobile version