Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería do Mar amosará lonxas a persoas do interior para que coñezan a comercialización do peixe

REFERENCIA

O director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, presentou a ampliación do programa piloto desenvolvido en outubro e novembro de 2009

1.500 persoas do interior de Galicia visitarán diferentes lonxas para coñecer o proceso de comercialización do peixe galego grazas ao programa “Mar Achega”

A Consellería do Mar quere amosar o sistema de extracción e primeira venda dos produtos de pesca artesanal para promover o seu coñecemento e consumo

A nova campaña contempla a participación de 1.500 persoas, un maior número de visitas e unha inversión de 141.600 euros

As visitas incluirán una xantar-degustación para que os participantes identifiquen os distintos peixes e mariscos de cada zona así como as diferentes maneiras de preparación

Santiago, 20 de agosto de 2010.- A Consellería do Mar repetirá o proxecto “Mar Achega”, tralo éxito acadado polo programa piloto desenvolvido en 2009. A iniciativa, segundo explicou hoxe o director xeral de Competitividade e Innovación, Juan Carlos Maneiro, persegue “dar a coñecer a calidade dos produtos que desembarcan a diario nos portos galegos para potenciar o seu consumo”.

“Logo de ver os resultados do programa e o grao de satisfacción dos participantes decidimos ampliar este programa”, dixo, referíndose ao resultado dunha enquisa realizada aos participantes do proxecto piloto, na que o 95% o avaliou positivamente. Neste sentido, indicou que a nova campaña contempla un aumento no número de participantes, que pasa de case 500 a preto de 1.500, así coma no número de visitas e na inversión. Neste senso, a Consellería destinará 141.600 euros á realización deste programa, que persegue “potenciar o consumo do peixe fresco e dar a coñecer o proceso de comercialización e os requisitos de etiquetado destes produtos”.

Maneiro lembrou que o programa vai dirixido a persoas vinculadas a asociacións de consumidores, amas de casa, asociacións culturais e mulleres rurais ou calquera outro colectivo que teña o seu domicilio en localidades do interior de Galicia. “Queremos achegar o peixe e o marisco galego á xente, que coñeza a súa orixe e a súa comercialización e como é traballo diario dos profesionais do mar”, dixo.

As visitas ás lonxas comezarán arredor do 15 de outubro e desenvolveranse durante todo o mes de novembro. O director xeral contou que os participantes do programa presenciarán unha poxa, comprobarán todos os labores relativos ao desembarco, exposición e expedición de produtos pesqueiros. Ademais incluirá unha degustación dun xantar con produtos do mar para comprobar as cualidades propias do peixe e do marisco galego.

“Os participantes comerán o produto que viron na lonxa” sinalou e explicou que o obxectivo do xantar-degustación é que aprendan a recoñecer os peixes e mariscos de cada zona, cos seus diferentes tratamentos culinarios e que complementen a identificación das distintas calidades do produto segundo o prezo.

O proxecto piloto
“Mar Achega” naceu como un programa piloto de actividades pensado para amosar á poboación do interior de Galicia o sistema de extracción e primeira venda dos produtos da pesca artesanal capturados nas augas interiores de Galicia aos consumidores finais. O proxecto desenvolveuse entre o 19 de outubro e o 19 de novembro co obxectivo de transmitir a singularidade do traballo colectivo dos profesionais do mar e fomentar a valoración do seu traballo recoñecendo a calidade dos produtos e as súas bondades.

Exit mobile version