Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta foi a Xove a ver a “evolución das obras de restauración de estradas, pontes e cauces”

Nota de Prensa

ARIAS LAMENTA QUE “DEPUTACIÓN E O CONCELLO DE BURELA ESPERASEN A AGORA PARA POÑERSE DE ACORDO” NO ARRANXO DUNHA VÍA AFECTADA POLAS RIADAS

* A delegada territorial destacou que “dende o primeiro momento” a Xunta plantexou a creación dun programa de coordinación “para, precisamente, evitar desaxustes e atrasos nas obras de reposición e na tramitación de axudas”
* Arias visitou en Xove as obras que o Executivo autonómico está a completar para recuperar as zonas afectadas pola tormenta ‘Doris’, na que o Goberno galego está a investir arredor de 5 millóns de euros


Xove, 19 de agosto de 2010.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou hoxe o concello de Xove para comprobar, xunto co alcalde da localidade, Demetrio Salgueiro, a evolución das obras de restauración de estradas, pontes e cauces fluviais que se están efectuando nas zonas da Mariña lucense afectadas polas inundacións do pasado mes de xuño.

Durante a visita, Arias fixo referencia á situación da antiga N-642, na entrada a Burela por O Perdouro, cuxa reforma ten previsto asumir a Deputación de Lugo. Raquel Arias aclarou que esta vía é titularidade do Concello de Burela, e non da Xunta, polo que é o Concello burelés o responsable de efectuar os traballos de recuperación dos que o organismo provincial anunciou que se vai facer cargo.

Neste sentido, a delegada territorial lamentou que “a Deputación e o Concello agardasen ata agora para poñerse de acordo no arranxo desta vía”, que permanece cun dos seus carrís obstruído dende hai varios meses -cos conseguintes inconvenientes para todos os veciños e visitantes de Burela-, logo de que a tormenta Doris agravase en xuño as deficiencias que xa sufría a estrada.

Arias recordou que a Xunta “dende o primeiro momento” manifestou a disposición a establecer “un plan de coordinación entre administracións para, precisamente, axilizar as obras de reposición, coma esta de Burela, e tramitación de axudas para beneficio de todos os veciños da Mariña, evitando así desaxustes e atrasos nas obras de reposición e na tramitación das axudas”.

Arias afirmou que é  “incomprensible” que o ente provincial culpe á Xunta dos retrasos na posta en marcha destas obras, “cando se negou sistemáticamente a colaborar co Executivo autonómico, aínda que lle expresamos de xeito reiterado a nosa vontade de colaborar e de traballar xuntos a favor dos veciños e visitantes da comarca para facilitarlles solucións rápidas ante a grave situación acontecida”.

Actuacións en Xove

No tocante ás obras que se están a desenvolver no municipio xovense, Arias e Salgueiro visitaron as obras que o Executivo autonómico está efectuando para recuperar a ponte do Camiño Real, na zona de Camba, e asegurou que se está a facer un “esforzo moi importante” para arranxar as infraestruturas danadas polas riadas. Así, o Goberno galego ten avanzados os traballos de recuperación en varios puntos clave do municipio, como o paseo fluvial na Ruta dos Muiños. Asemade, estase a traballar na reposición do firme da estrada que cruza a parroquia de Vilar e na recuperación da ponte da Aceveda, ademais de distintas reposicións na parroquia de A Rigueira.

A representante do Goberno galego reiterou “o compromiso total e a disposición da Xunta a colaborar cos veciños e os concellos da Mariña lucense nos traballos de restauración das infraestruturas danadas polas riadas”, nos que o Goberno galego inviste arredor de 5 millóns de euros.

Exit mobile version