Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación levará ás festas e feiras da provincia o barco Muralla de Lugo en agosto

LUGO .- O barco Muralla de Lugo continúa “surcando” as estradas da provincia e promocionando a costa de Lugo, así como a riqueza medioambiental das tres Reservas da Biosfera e Os Ancares, explican desde a Deputación. Aproveitando a gran afluencia de visitantes á provincia na tempada estival, a embarcación fondeará ó longo do mes de agosto nas festas e feiras da provincia, aseguran.

Nota de Prensa

O Barco Muralla de Lugo arribará nas festas e feiras da provincia ó longo de agosto

– A aula turístico-medioambiental fondeou hoxe na praza do Concello de Burela como previo da Festa do Bonito

– Aproveitando a afluencia de visitantes á provincia na tempada estival, a embarcación segue a promocionar a costa e a riqueza medioambiental de Lugo

O Barco Muralla de Lugo continúa “surcando” as estradas da provincia e promocionando a costa de Lugo, así como a riqueza medioambiental das tres Reservas da Biosfera e Os Ancares. Aproveitando a gran afluencia de visitantes á provincia na tempada estival, a embarcación fondeará ó longo do mes de agosto nas festas e feiras da provincia. Deste xeito, a aula turístico-medioambiental arribou hoxe en Burela como previo da Festa do Bonito que se celebrará esta fin de semana. A embarcación atracou na praza deste Concello xunto á exposición fotográfica sobre a historia do mar lucense. O horario de atención ó público será de 11:00 a 15:00 horas pola mañá, e de 16:00 a 20:30 horas pola tarde.

Tras a súa estancia nesta localidade, o Barco Muralla de Lugo, que se inclúe dentro da liña de actuación do programa Lug02 dotada de 950.00 euros e co-financiada ó 70% pola Unión Europea, estará nas patronais de Castro de Rei ata o 9 de agosto. Na localidade chairega, a Deputación situará ademais unha carpa informativa sobre as tres aulas da Natureza que o organismo provincial puxo en marcha en Folgoso do Courel, Guitiriz e Fonsagrada.

Os seguintes destinos da aula-barco será os seguintes: Muras dende o 11 ó 12 de agosto e onde se fará promoción da Serra do Xistral; Meira dende o 14 ó 16 e coincidindo cos seus festexos; Portomarín, punto de encontro de miles de peregrinos, o 18; Pastoriza dende o 20 ó 22, durante as patronais de Bretoña; Mosteiro dende o 24 ó 26, aproveitando a festividade do Emigrante; e Vilalba dende o 28 e ata o 31, durante as patronais de San Ramón.

Asesoramento empresarial e didáctico

A embarcación foi construída por unha empresa de Burela e pintada en Viveiro. Está totalmente ambientada como os barcos mariñanos e as súas cores son vermello e azul marino, seguindo a simboloxía heráldica da Deputación, e verde, segundo as cores de Lug02 e do medio natural.

O seu interior está dotado con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico que de forma total e gratuíta doaron as confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro, ós que se lles adica unha praca de agradecemento. Durante o seu percorrido pola xeografía española, distribuiranse 10.000 dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.

O barco pesa 3.500 quilos e conta cunha dimensión exterior total de 12 metros de longo e 5 de alto. Ten unha parte expositiva con capacidade para 40 paneis de fotografías, na que se atopa unha sección de imaxes cedidas pola asociación “Terra de Viveiro”, e entre as que destaca a fotografía máis antiga que se conserva do porto viveirense.

Exit mobile version