Site icon Crónica3.com A Mariña

A tenente de alcalde de Burela critica que o Hospital da Costa continúe sen contar con servizo de autopsias

Nota de Prensa

NEVES CANDO CRITICA QUE O PP AÍNDA NON FOSE CAPAZ DE RECUPERAR O SERVIZO DE AUTOPSIAS PARA BURELA, A PESARES DAS REITERADAS PROMESAS EFECTUADAS. A TENENTE DE ALCALDE ACUSA AOS POPULARES DE DEIXADEZ E DE ABANDONO DAS FAMILIAS QUE SOFREN O DURO TRAGO DA MORTE DUN FAMILIAR.

Burela, 10 de agosto de 2010. A tenente de alcalde, Neves Cando, critica que o PP aínda non fose capaz de recuperar o servizo de autopsias para Burela, a pesares das promesas reiteradas na campaña electoral das autonómicas e durante o pasado mes de maio. A edil nacionalista acusa aos populares de deixadez e de abandono das familias que sofren o duro trago da morte dun familiar.
Neves Cando dixo hoxe que “unha nova morte se producía esta fin de semana na nosa comarca e houbo que ir facer a autopsia a Lugo e ésta é unha situación que se repite desde que o PP chegou en marzo do ano pasado ao goberno da Xunta de Galicia. Naquel momento, en xullo de 2009, o deputado do PP José Manuel Balseiro dicía que ésta era unha situación provisional motivada pola dificultade de cubrir a praza de médico forense no Hospital da Costa, pero un ano despois seguimos na mesma situación, as autopsias hai que facelas en Lugo co trastorno e dolor que esto supón para as familias”.
A tenente de alcalde engadiu que “aínda hai máis, porque en maio deste mesmo ano o mesmo deputado do PP e o director xeral de Xustiza da Xunta anunciaron que desde mediados dese mesmo mes volverían realizarse as autopsias no Hospital da Costa e isto é mentira, porque desgraciadamente en xuño tamén morreu un veciño de Burela e a súa autopsia tivo que facerse en Lugo e agora un veciño da Mariña, morto esta fin de semana, sufriu o mesmo desprazamento”.
Cando sinalou que “levamos máis dun ano sen este servizo en Burela e o PP na Xunta non é capaz de garantir a súa recuperación. Xa non nos valen excusas de provisionalidade e falta de médicos, ésta é unha situación de deixadez e de abandono por parte do PP das familias que sofren o duro trago da morte dun familiar e aínda teñen que agardar a que se faga a súa autopsia en Lugo. Calquera veciño de Burela pode recordar a utilización política do sufrimento das familias que fixeron os representantes do PP, os señores Balseiro e Barcia, en relación co servizo de autopsias na campaña das eleccións galegas, unha actuación de demagoxia sen límites e de amoralidade demostrando que todo lles valía con tal de sumar algún voto”.
Neves Cando considera que “agora estes señores terán que dar explicacións de porque un ano despois das súas promesas este servizo aínda non está de novo en Burela. Agora despois de máis dun ano sen recuperar o servizo de autopsias en Burela se demostra que o PP enganou con falsas promesas e mentiu aos veciños de Burela e aos veciños de toda a nosa comarca”.

Exit mobile version