Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta concede 389 mil euros a Ribadeo para o Pepri e o alcalde di que é “un paso moi importante para o futuro”

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amósase satisfeito coa subvención de 389.000 euros que lle concede a Xunta ao Concello para a redacción do Pepri do casco vello. O rexedor di que se trata dun paso moi importante para o futuro de Ribadeo.

Suárez Barcia  pensa que “é unha moi boa noticia para o casco vello de Ribadeo o feito de que por fin poidamos sacar a licitación a redacción do Pepri do casco vello da vila. Levamos varias corporacións, entre elas a presidida por Balbino Pérez Vacas, intentando que a Xunta puidera financiar a redacción do Pepri e o director xeral de Urbanismo daquela comprometérase tanto con él como conmigo no ano 2007, pero esa axuda nunca chegou. E hai poucos meses a actual secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, comprometéuse a ter en conta os esforzos que desde Ribadeo se estiveron a facer neste sentido de cara á rehabilitación do casco vello, e hai poucos días recibimos unha notificación do conselleiro de Medio Ambiente e Infraestructuras indicándonos que nos van financiar cunha cantidade de 389.000 euros que sumados aos 43.000 que terá que asumir o Concello suman un montante total de 432.000 euros que é o que costará a redacción do Pepri do conxunto histórico do casco vello de Ribadeo”.

O rexedor manifestou que “actualmente sí que se permite a rehabilitación no casco vello de Ribadeo, de feito con moi bó resultado dado que hai un importante número de vivendas que se están acollendo a todas estas axudas que levamos anos outorgando en Ribadeo co apoio do goberno do Estado e da Xunta, pero fáise necesario que isto estea instruido a través dun plan especial de protección dado que non se permite obra nova e toda a rehabilitación debe estar tutelada pola Comisión de Patrimonio de Lugo que depende da Consellería de Cultura”.

Fernando Suárez considera que “se vai dar un paso moi importante de cara a dotarse dun instrumento potente e verdadeiro como é un Pepri que reformule os espazos baleiros, dotacións públicas novas ou incluso aparcadoiro. Confío en que antes de que remate o ano este expediente de contratación para a redacción do Pepri estea adxudicado e de feito nestes días estamos publicando en varios boletíns da Unión Europea, do Estado e da provincia de Lugo para que todas aquelas empresas que queiran participar o poidan facer nos prazos establecidos”.

Exit mobile version