Site icon Crónica3.com A Mariña

O ISSGA e a Fundación Laboral da Construción de Galicia asinaron un convenio de colaboración

NOTA DE PRENSA:
A FORMACIÓN DO ISSGA CONTARÁ CO AVAL DA FUNDACIÓN LABORAL DA CONSTRUCIÓN DE GALICIA DE CARA A OBTER A TARXETA PROFESIONAL

* A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e o presidente da Fundación Laboral da Construción de Galicia (FLC) veñen hoxe de asinar un convenio de colaboración en Lugo
* A formación que imparta o ISSGA, tanto a traballadores como a desempregados do sector da construción, será recoñecida para a posterior obtención da Tarxeta Profesional da Construción
* A iniciativa enmárcase no Plan de Actividades 2010 da Xunta para a mellora das condicións de seguridade e saúde laboral e a redución dos riscos laborais

Lugo, 24 de agosto de 2010.- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja García, e o presidente da Fundación Laboral da Construción de Galicia (FLC), Hipólito Trinidad Losada, acompañados da delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, asinaron hoxe na delegación da Xunta en Lugo un convenio de colaboración para o recoñecemento da formación preventiva impartida polo ISSGA a efectos da obtención da Tarxeta Profesional da Construción.

A Tarxeta Profesional da Construción (TPC) é o documento expedido pola FLC co obxectivo de acreditar, entre outros datos, a formación específica recibida do sector polo traballador en materia de prevención de riscos laborais, así como a categoría profesional do traballador e os períodos de ocupación nas distintas empresas nas que vaia exercendo a súa actividade.

De conformidade co convenio asinado hoxe, a formación que imparta o ISSGA a traballadores ou desempregados do sector da construción en materia de prevención de riscos laborais será recoñecida pola Fundación Laboral da Construción aos efectos da obtención por parte dos alumnos da Tarxeta Profesional da Construción.

A mesma axustarase ás condicións establecidas no Libro II do IV Convenio Colectivo Xeral do Sector da Construción respecto da obriga de formación en materia de prevención de riscos laborais e da TPC.

Este convenio de colaboración enmárcase ao abeiro do Plan de Actividades 2010 do ISSGA para a mellora das condicións de seguridade e saúde laboral e a redución de riscos laborais, en accións dirixidas á construción, que constitúe o sector co maior índice de incidencia de accidentes.

No ano 2009 producíronse 8.416 accidentes leves (o 97,93% do total); 154 graves (o 1,79% do total) e 24 accidentes mortais (0,28% do total). No primeiro semestre deste ano o número total de accidentes ocorridos no sector foi de 3.806 (dos que 73 foros graves e 7 mortais).

Na sinatura deste convenio estiveron presentes tamén os vicepresidentes da FLB, Jesús Varela Lodeiro e Manuel García González.

Exit mobile version