Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG e CIG acusan ao PP de pretender desmantelar o ensino público na Comarca

NOTA DE PRENSA
BNG e CIG acusan ao PP de pretender desmantelar o ensino público na Comarca

CIG-Ensino e BNG reuníronse hoxe para analizar os recortes en materia educativa.

A Mariña, 25 de agosto de 2010.- Unha delegación da executiva da Federación de Ensino da CIG mantivo na xornada de hoxe unha xuntanza cunha representación da Executiva Comarcal do BNG a fin de analizar a situación que se crea na Comarca cos recortes que a Xunta de Galiza está a facer en materia educativa así como a modificación unilateral que fixo na lexislación de aplicación.

Neste sentido ambas as dúas organizacións volveron a valorar moi negativamente o feito da redución da oferta educativa nos diferentes niveis do ensino así como de servizos complementarios como é o caso de servizo de comedor no Concello de Ourol. Neste sentido repasaron os recortes producidos en primaria que se concretan no feche da escola unitaria de Vieiro (Viveiro) e dunha aula de infantil no Vista Alegre (Burela), consecuencia de anos . No tocante a secundaria analizaron a situación que se crea coa ensinanza de adultos coa eliminación do Bacharelato presencial no IES Gamallo Fierros (Ribadeo), Foz e Monte Castelo (Burela) así como da ESO de adultos en Foz. Na mesma liña estudaron a problemática que xorde coa eliminación de ciclos formativos en Foz e Viveiro, realidade que pode empeorar coas novas rateos unha vez que a Consellaría de a coñecer o mapa definitivo da formación profesional. Xa que logo os representantes do BNG e da CIG quixeron deixar constancia do seu malestar pola decisión de eliminar ciclos formativos e a educación de adultos en diferentes centros de ensino na Mariña e da actitude ditatorial da Consellaría á hora de tomar este tipo de decisións que non teñen ningún fundamento posto na maioría dos casos hai alumnado suficiente para manter dita oferta. Así mesmo, denuncian os recortes de profesorado e a falta de especialistas tanto en primaria como en secundaria que redundan nun empeoramento da calidade da ensinanza ao obrigar aos centros a facer reaxustes de grupos e de horarios, non poder atender as necesidades educativas nin levar adiante os programas previstos co que o fracaso escolar aumentará.

A Portavoz da CIG-Ensino, Dores F. Abel, denunciou a “oposición da Consellaría a aumentar as rateos mínimas para manter ou abrir ciclos de tal xeito que fai perigar moitos deles, coas consecuencias negativas que isto suporá con respecto á redución da oferta educativa e á destrución de emprego público” e esixiu “o mantemento do número mínimo para a continuidade dos ciclos formativos de 6 alumnos/as así como a ampliación do prazo de matrícula para os ciclos formativos ata o mes de setembro coa fin de darlle a posibilidade de matricularse a aquel alumnado de Bacharelato que esgote as probas extraordinarias de setembro ou que non supere as probas de Selectividade”.

Antonio Veiga, Portavoz Comarcal do BNG, considerou esta decisión como “un agravio comparativo entre ámbito rural e o urbano e que imposibilitará de feito o desexo de moitos alumnos/as da Mariña de querer cursar estes estudios ou ter que desprazarse a máis de 100 quilómetros para poder cursalos” e solicitou “manter a oferta educativa nos ciclos formativos, en primaria e na educación permanente de adultos nos centros de ensino da Comarca para o curso 2010-11 e cunha oferta educativa suficiente e adaptada á realidade social e económica da Comarca da Mariña”.

Os representantes das executivas do BNG e da Federación de Ensino da CIG criticaron a política de recortes que está a levar adiante a Xunta de Galiza contra o conxunto dos servizos públicos, tomando como coartada a crise económica, na medida que isto significa avanzar na fenda social e territorial. Dores F. Abel afirmou ”que eliminar servizos públicos significa avanzar na desigualdade social” polo que reclamou “que a Xunta de Galiza escoite as demandas de institucións, colectivos, ou centro escolares e retire a súa proposta”. A súa vez o Portavoz Comarcal do BNG lembrou “que este goberno o que está é a provocar desigualdades territoriais dentro de Galiza,divídóndoa entre galegos de primeira que son aqueles que viven nos núcleos urbanos e galegos de segunda, os que viven en territorios como as da Mariña”.

Exit mobile version