Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo renova as luces do paseo marítimo do Torno

CERVO .- Ao longo desta semana a brigada de Obras municipal está procedendo á renovación dos farois do Paseo Marítimo do Torno, en San Ciprián, así o deu a coñecer no día de hoxe o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares.

Estas obras supoñen un investimento do erario municipal de máis de 18.000 euros e deron comezo o pasado martes coa retirada das luminarias vellas fabricadas en ferro galvanizado “as cales, debido á proximidade da ría sufriron un deterioro considerable antes do que nun principio estaba previsto” sinalou o rexedor.

Os novos farois están elaborados en poliamida reforzada con fibra de vidro resistente aos raios ultravioleta, á intemperie e á corrosión, “polo que garantiremos unha lonxevidade máis ampla deste novo material urbano” recalcou o alcalde.

Villares sinalou que ao longo destes días desenvolverase unha primeira destes traballos de renovación mediante a substitución de 13 luminarias “e unha vez rematen os traballos da nova rede de saneamento que se están a facer no contorno da Casa do Mar, levaremos adiante unha segunda fase co cambio doutras seis farolas máis”.

Desculpas aos veciños

O rexedor pediu desculpas aos veciños da zona polos trastornos ocasionados debido á falta de iluminación urbana destes días onde se estivo retirando os antigos farois “pero estamos seguros que comprenderán que se trata duns traballos necesarios que redundarán na calidade do servizo e que se fan en beneficio de tódolos veciños e veciñas da vila”.

Exit mobile version