Site icon Crónica3.com A Mariña

Cultura rehabilitará o Pazo de Tovar e o seu contorno no concello de Lourenzá

http://www.castillos-de-espana.com/details.php?image_id=744

http://www.castillos-de-espana.com/details.php?image_id=744

NOTA DE PENSA:
Roberto Varela anuncia un investimento de 360.000 euros para a posta en valor do Pazo de Tovar no concello de Lourenzá

-O conselleiro de Cultura e Turismo visitou hoxe o concello lucense de Lourenzá, onde asegurou que o proxecto de rehabilitación do Pazo de Tovar estará rematado antes de finais de setembro e as obras se iniciaran nos primeiros meses do 2011

-Varela tamén supervisou o resultado das obras de acondicionamento e mellora de dous tramos do Camiño Norte ao seu paso por Lourenzá nos que se investiron máis de 162.000 euros

Lourenzá (Lugo), 31 de agosto de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou hoxe no Concello de Lourenzá diferentes actuacións de posta en valor do patrimonio histórico e cultural da comarca e anunciou un investimento de 360.000 euros para a primeira fase das obras de restauración do Pazo-Fortaleza de Tovar. De forma detallada, o conselleiro explicou que neste momento está en marcha a redacción do proxecto de restauración e posta en valor deste ben patrimonial que “xa está perfilado e estará rematado antes de finais de setembro”. A previsión da Consellería de Cultura e Turismo é que as obras se inicien nos primeiros meses do 2011.

O conselleiro de Cultura e Turismo explicou que se realizará unha intervención de acondicionamento das cubertas e muros, de mellora das medidas de seguridade e das actuacións máis urxentes, que permitirán as visitas e o uso público do Pazo. “Dende a Consellería de Cultura e Turismo desexamos que o Pazo-Fortaleza de Tovar poida ser visitado con normalidade por todos e disfrutar da súa singularidade e riqueza arquitectónica, cumprindo asemade co obxectivo de dinamización cultural e turística da comarca”, engadiu.

O Pazo-Fortaleza de Tovar data da primeira metade do século XVI e foi levantado por Don Antonio de Tovar, home de confianza do emperador Carlos V, no mesmo lugar onde se situaba a Torre de Canedo do século XIII. Trátase dunha xoia do gótico isabelino e dun Ben de Interese Cultural que se atopa moi preto do Camiño de Santiago (Camiño do Norte) e que tras a súa posta en valor enriquecerá aínda máis esta ruta xacobea.

Mosteiro de San Salvador
Durante a xornada, Roberto Varela visitou outra das mostras do impresionante patrimonio que posúe Lourenzá, o Mosteiro beneditino de San Salvador, un magnífico conxunto arquitectónico que foi levantado no ano 969 polo Conde Osorio Gutiérrez, coñecido popularmente como o Conde Santo. Este monumento, que conta con máis de mil anos de antigüidade está declarado BIC e nel chama a atención a Igrexa de Santa María de Valdeflores. Segundo o conselleiro, “o feito de que a fachada desta última sexa considerada como a precursora da fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago fala ben ás claras da relevancia que ten este conxunto dentro do patrimonio arquitectónico galego”.

Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo explicou que “dende meu departamento somos conscientes de que tanto a Igrexa de Santa María de Valdeflores, como o Mosteiro no seu conxunto, necesitan unha serie de actuacións, como a limpeza da fachada da Igrexa, a mellora da instalación eléctrica, entre outras”. O conselleiro anunciou que os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural “realizarán proximamente unha visita que permitirá avaliar en profundidade e con detalle as necesidades do conxunto e as posibles actuacións nese sentido por parte da Xunta”.

Dentro das instalacións deste Mosteiro de San Salvador atópase o Museo de Arte Sacra, un dos máis importantes sobre esta materia na nosa Comunidade. Tras o percorrido polo museo, Roberto Varela instou tanto ao Arcebispado como ao Concello de Lourenzá a que solicitaran formalmente á Xunta de Galicia a sinatura dun convenio de colaboración co obxectivo de acondicionar e pór en marcha as medidas máis urxentes que poida precisar este Museo de Arte Sacra. Neste sentido, o titular de Cultura comprobou in situ que se trata dun museo dun gran valor e asegurou que dende a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural “estudiarase con moito interese e moita dedicación a posibilidade de apoiar a un centro que lle aporta tanto á cultura de Galicia”. O Museo de Arte Sacra posúe unha rica colección que inclúe ourivería, escultura, pintura, mobiliario e indumentaria. Destacan o Sepulcro do Conde Santo do século V, (aínda que está situado na Capela de Valdeflores fóra das dependencias do museo propiamente ditas), e o retablo-relicario do século XVII feito en pedra e madeira policromada por Francisco de Andrade, que se atopa na sancristía. “Trátase dun tesouro aínda descoñecido para moitos galegos e que é preciso dar a coñecer pola súa beleza e valor histórico”, afirmou o conselleiro.

Acondicionamento do Camiño
O Concello de Lourenzá é un punto clave no paso do Camiño do Norte, unha ruta que está a crecer en popularidade nos últimos anos debido a que cada vez os peregrinos se diversifican máis á hora de escoller o Camiño que lles leva a Santiago. Dende a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, dentro do Plan Corrector dos Camiños, realizáronse dúas importantes obras de acondicionamento do Camiño ao seu paso polo Concello de Lourenzá.
O conselleiro supervisou as obras neses dous tramos nos que se investiron máis de 162.000 euros e que, segundo Roberto Varela, “permitirán que os peregrinos poidan disfrutar da beleza desta ruta da mellor forma posible”. Nesta liña, o representante de Cultura e Turismo asegurou que “estamos a vivir un Xacobeo histórico, cunhas cifras récord en turistas, visitantes e peregrinos, por iso traballamos co obxectivo de que ese pulo que nos está a dar este Xacobeo se instale entre nós e faga de Galicia e das peregrinacións a Santiago un dos grandes destinos turísticos, culturais e espirituais de Europa”. Roberto Varela incidiu en que “o grande esforzo realizado pola Xunta nestas obras de acondicionamento beneficiará a Lourenzá, a Galicia, a todos os galegos e os millóns de persoas que nos visitan”.

En total, a S. A de Xestión do Plan Xacobeo realizou obras de acondicionamento en conservación en 50 tramos dos distintos Camiños de Santiago, enmarcadas no Plan Corrector dos Camiños, por valor de máis de 2,1 millóns de euros. En concreto, no Camiño do Norte as intervencións téñense feitas en 7 tramos pertencentes aos concellos de Abadín, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo e Vilalba. Para Roberto Varela estes datos “son, sen dúbida, a mellor mostra da aposta de futuro que se está a facer desde a Xunta de Galicia no eido dos Camiños de Santiago e con respecto a todo aquilo que rodea o fenómeno Xacobeo”.

Exit mobile version