Site icon Crónica3.com A Mariña

Despregaran un dispositivo de seguridade con motivo do Mercado Tradicional e da Queimada de Cervo

Nota de Prensa

O CONCELLO, FORZAS DE SEGURIDADE E ORGANIZADORES DO MERCADO TRADICIONAL E DA QUEIMADA DE CERVO REÚNENSE PARA CONCRETAR O DISPOSITIVO QUE SE DESPREGARÁ  NESTAS FESTIVIDADES

o O obxectivo é  garantir a seguridade cidadá e as condutas cívicas dos asistentes a este evento

o A dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado aproveitará a xornada festiva para instalar na praza do Concello unha carpa informativa na que divulgará  a oferta ocio-cultural promovida dende a Xunta de Galicia para os mozos e mozas e distribuirá agasallos entre os visitantes

o Xa pola noite, este organismo dependente da Consellería de Traballo desenvolverá  a campaña  ‘LIBRE. Libre de alcol, libre de preocupacións’ para promover a importancia do papel do condutor alternativo nas noites de marcha dos mozos e mozas galegos.

Cervo, 19 de agosto de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e técnicos municipais reuníronse hoxe á unha e media do mediodía cos representantes da comisión organizadora do Mercado Tradicional e da Queimada de Cervo e con representantes da Garda Civil e Protección Civil para concretar o operativo especial que prestará servizo durante o fin de semana nas devanditas festividades.

Segundo indicou o alcalde, Alfonso Villares, “ao igual que ocorrera a semana pasada coas festividades do Ovo Frito, Maruxaina e Patronais de Cervo”, a xuntanza de hoxe tiña por obxecto coordinar os efectivos das distintas administracións e organismos implicados na seguridade e normal desenvolvemento destas festas, “xa que son eventos nos que se congrega moita xente e necesitan dun dispositivo de seguridade e limpeza especial para poder garantir que estas festas podan transcorrer con normalidade” recalcou Villares.

Ao igual que acontecera a pasada fin de semana na Maruxaina, o Concello ten previsto establecer unha serie de medidas como a colocación dun maior número de colectores distribuídos por diversos puntos da festa e varios traballadores municipais desenvolverán un operativo de limpeza dende primeiras horas da mañá do domingo (día seguinte á Queimada) para que as rúas do núcleo de Cervo podan recuperar o seu aspecto habitual no menor tempo posible.

CAMPAÑA  ‘LIBRE. LIBRE DE ALCOL, LIBRE DE PREOCUPACIÓNS’

O mandatario cervense adiantou que coma novidade nesta edición “e despois da xestión levada a cabo dende o Concello”,  a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia ten previsto instalar durante toda a xornada do sábado unha carpa na praza do Concello para divulgar e informar a todos os mozos mozas as distintas actividades e programas destinados aos mozos e mozas galegos postos en marcha dende este organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar. Así mesmo está previsto que os visitantes á carpa tamén reciban agasallos coma CD´s de grupos noveis galegos.

Nesta mesma carpa está previsto que se desenvolva tamén a campaña  “LIBRE. Libre de alcol, libre de preocupacións”. Esta campaña promove a importancia do papel do condutor alternativo nas noites de marcha dos mozos e mozas galegos. A través de accións directas e en contacto coa mocidade, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado achégase ás cidades e vilas galegas para recomendarlles aos máis novos, que ao volante, non se debe beber.

Os monitores desta campaña a prol dunha condución responsable proporcionarán a todos os mozos e mozas de ata 35 anos que conducen medidores de alcolemia ao final da festa. A todos aqueles que non superen o 0% de alcol, tomaránselles os datos para participar no sorteo de cursos de condución segura no circuíto de Forcarei, que terán lugar durante o outono deste ano. Ademais, todos aqueles que se interesen pola información que se distribúe na carpa, levarán como agasallo unha camiseta.

Entre o inicio e o final da festa, os monitores percorrerán os principais aparcamentos da festa e porán enriba dos vehículos un triángulo de cartón amarelo, simulando a estética dos taxis de New York, co lema en grandes letras LIBRE.

COLABORACIÓN E RECOMENDACIÓNS

Por último, o alcalde fixo novamente un chamamento aos veciños e visitantes que teñan previsto acercarse a Cervo o sábado, e pediulles a súa colaboración e o máximo respecto e coidado con todo o material e mobiliario urbano, tanto público coma privado. “Queremos que sexan unhas festas cívicas e agradables como aconteceu a fin de semana pasada en San Ciprián e Cervo” incidiu o mandatario local.

Entre as recomendacións dadas polos responsables municipais figura que non se sirvan bebidas en vasos ou botellas de cristal para evitar cortes e outros danos en persoas e vehículos, que se faga uso dos colectores de lixo instalados para estas celebracións evitando depositar os residuos na rúa ou noutros espazos non habilitados ao efecto e que se respecte o mobiliario urbano, vehículos, vivendas e outros espazos públicos ou privados. Tamén se solicita aos condutores que respecten a sinalización e as indicacións dos axentes da Policía Municipal, Garda Civil e Urxencias; que non estacionen en zonas valadas ou de acceso restrinxido para evitar entullos; e que non intenten acceder cos vehículos ao centro urbano e opten por utilizar zonas de aparcamento alternativas.

Exit mobile version