Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación participará na Festa do Marisco que se celebrará en Burela organizada polo grupo El Progreso

NOTA DE PRENSA:
A Deputación impulsa a promoción dos produtos autóctonos coa I Festa do Marisco

– O organismo provincial colabora coa cita gastronómica que organiza o grupo “El Progreso”, e que acollerá o porto de Burela o vindeiro 28 de agosto

– Nécoras, percebes, mexillóns, berberechos e cigalas forman o menú que custará 20 euros ou 18 euros coa compra anticipada dos tiquets

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este mércores na presentación da I Festa do Marisco, unha cita gastronómica organizada polo grupo “El Progreso”, e que acollerá o porto de Burela o vindeiro 28 de agosto. Lara Méndez destacou a colaboración do organismo provincial nesta iniciativa “dentro da firme aposta da Deputación polo medioambiente, a nosa oportunidade económica”.

A responsable da área de Promoción Económica e de Emprego explicou que o organismo provincial promociona os produtos autóctonos, contribuíndo a manter postos de traballo, a través das subvencións directas que concede o INLUDES, das axudas ós autónomos que traballan na súa produción, ou mediante o programa medioambiental Lug02 dotado de 5 millóns de euros, e co-financiado nun 70% pola Unión Europea.

Neste senso, Lara Méndez subliñou que, “só dentro da liña de actuación da mellora da comercialización dos produtos autóctonos de Lug02, a Deputación leva investidos xa máis de 600.000 euros é dicir, máis de 100.000 millóns de pesetas”. Neste senso, lembrou algunhas das medidas posta en marcha polo o organismo provincial como a campaña de promoción Lugo-Sabe, a marca de auténtica calidade á que optan máis de 100 produtos, ou o asesoramento e apoio que se ofrece ós traballadores deste sector.

Deste xeito, coa colaboración á I Festa do Marisco, a Deputación impulsa unha iniciativa máis para a promoción dos produtos autóctonos e a mellora da economía da Mariña. Burela, concretamente a antiga lonxa do porto desta localidade, será o primeiro escenario da iniciativa cuxos organizadores buscan reeditar e celebrar cada ano nun Concello diferente da Mariña.

Durante a cita, repartiránse nécoras, percebes, mexillóns, berberechos, e cigalas. O prezo do menú é de 20 euros. Ademais, poderanse comprar os tiquets por anticipado nas delegación de dito xornal en Ribadeo, Viveiro e Burela, así como no restaurante “Palacio de Cristal” en Burela. Neste caso, o custe é de 18 euros.

Lara Méndez estivo acompañada polo Alcalde de Burela, Alfredo Llano, a Tenente Alcalde, Neves Cando, o Director de Recursos Mariños da Consellería de Mar, Pablo Fernández Asensio, a Presidenta adxunta do grupo “El Progreso”, Blanca De Cora, e a delegada deste periódico en Burela, Alicia Carballedo.

Exit mobile version