Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros insta ao concello a conservar e difundir o patrimonio histórico e cultural

Nota de Prensa

O BNG insta ao Concello a conservar e difundir o patrimonio histórico e cultural de Barreiros. Os nacionalistas presentan unha moción esta semana para o seu debate en pleno.

Barreiros, 28 de agosto de 2010. O BNG presenta unha moción na que insta ao Concello a conservar e difundir o patrimonio histórico e cultural de Barreiros. Os nacionalistas rexistrarán a súa proposta esta semana.
Desde o Bloque Nacionalista Galego consideramos que “é importantísimo para o noso concello a conservación do patrimonio existente. Barreiros ten un patrimonio rico en hórreos e en moitas edificacións singulares, así foron recollidas nas normas subsidiarias do ano 95. A raíz da destrucción hai unhas semanas do hórreo de San Miguel xurdiu tamén na población unha preocupación por coñecer cal é o patrimonio de Barreiros e cómo se conserva”.
Os nacionalistas lembran que “nos últimos anos houbo diversos atentados contra o noso patrimonio, a parte do caso de San Miguel tamén se produciu a destrucción dun hórreo en Viladaide aló polos anos 2003/2004; a destrucción dun castro importante en Benquerencia tamén por esas datas, atenuado en parte pola intervención de veciños da zona que alertaron do que diversas institucións, como Costas, estaban facendo cando a construcción dun paseo marítimo e tamén a destrucción do cruceiro de Viladaide no ano 2008, aínda non se soubo nada da súa desaparición, simplemente se soubo da súa substitución por outro construido recentemente. O cruceiro de Viladaide tiña máis de 100 anos de historia, recordamos tamén cando se destruira unha casa en San Caetano, a chamada Casa Consistorial no ano 2001”.
O grupo municipal do BNG entende que “tal e como di a lei do patrimonio cultural de Galicia, é deber das institucións, neste caso Xunta e Concello, velar pola conservación desta parte tan importante do noso patrimonio. En Barreiros hai hórreos, construccións singulares, casas blasonadas, mámoas, castros… en definitiva algo que debe encharnos de orgullo a todos os barreirenses, pero para iso hai que conservar ben o patrimonio que temos, poñelo en valor e difundilo, porque todos os bens que integran o patrimonio cultural de Galicia teñen que gozar de medidas de protección”.
O BNG engade que “por iso nós instamos ao Concello nesta moción a que tome medidas para preservar e conservar o patrimonio de Barreiros. Xa sabemos que coa nova elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal o que importa é documentar todo ese patrimonio arquitectónico e histórico que temos, pero o que non queremos é que iso se quede nun caixón, por iso imos pedir tamén ao Concello que se acelere ese traballo e que unha vez feito se divulgue e se difunda para que os veciños coñezan o seu patrimonio e a súa historia e que o Concello faiga esa función que lle compete que é a difusión, a divulgación e a protección de todo o seu patrimonio. E sobre todo queremos insistir en que esta proposta vai ter o apoio de todos os grupos e todos os barreirenses nos debemos implicar na conservación do noso patrimonio porque si conseguimos poñelo en valor e difundilo é unha riqueza e un atractivo máis que ten o Concello de Barreiros”.

Exit mobile version